Impartido pola DXT ten como obxectivo contribuír a fomentar unha condución segura.

O Centro de Maiores Afundación Ourense acollerá este mércores 19 de outubro e o día 2 de novembro, en ambas datas ás 11.00 h, os obradoiros sobre formación e prevención «Os maiores activos e seguros», impartidos pola Dirección Xeral de Tráfico a cargo da traballadora do Departamento de Educación Vial da DXT en Ourense Dosinda Aguiar Rodríguez. A entrada será libre ata completar capacidade. Neste taller traballaranse tres temas principais: o peón, o condutor e o viaxeiro.

A esperanza de vida aumenta ano tras ano, e con ela a idade media de poboación. De feito, na actualidade, segundo datos do INE, as persoas maiores de 65 anos representan algo máis do 18 % do total da poboación española, e no ano 2050 esta cifra podería alcanzar o 33 %. Este incremento da esperanza de vida, xunto a unha maior disposición á mobilidade, aumentou notablemente os rexistros de desprazamentos. Actualmente, segundo datos publicados pola Dirección Xeral de Tráfico, os maiores representan en España o 13 % dos condutores, un dato que levou á institución a desenvolver plans específicos centrados neste grupo. Deste xeito, esta iniciativa súmase ás destinadas a outros colectivos e cuxo propósito é contribuír á mellora da seguridade vial.