O Botánico de Montealegre será o lugar elixido para a segunda recollida reivindicativa de Amigos da Terra.

O pasado luns, Amigos da Terra puxo en marcha a súa campaña a nivel estatal, #DoyLaLata, que continúa este sábado, 22 de outubro, na cidade de Ourense.

Nesta ocasión, Amigos da Terra conta coa colaboración do grupo de Scouts máis dos grupos de estudantes dos colexios Divina Pastora e Maristas Santa María e activistas da organización, para levar a cabo esta recollida reivindicativa as 11h en Montealegre, un espazo de gran interese natural da cidade pero moi degradado pola presenza do ser humano.

A limpeza realizada o pasado día luns, corroborou que máis da metade dos residuos abandonados en rúas e espazos naturais son envases. O cal non é de estrañar, pois os españois consumimos 51 millóns de latas e botellas ao día, e co modelo de xestión actual só se recuperan 3 de cada 10 envases.

A cantidade de materiais que se desperdician e abandonan e, á súa vez, o diñeiro público investido para a súa limpeza supón un custo moi alto para a cidadanía e o medio ambiente. Por iso, o obxectivo desta campaña e facer visible o abandono do lixo e fomentar a búsqueda de modelos de xestión eficaces para cada tipo de residuos.

Con esta recollida, o Grupo de Galicia pon fin ás limpezas levadas a cabo polos distintos grupos locais ao longo deste mes de outubro en Ibiza, Mallorca, Madrid, Andalucía e La Rioja. Tomando agora o relevo a cidadanía na foto-acción #DoyLaLata que seguirá activa nas redes socias, ata o mes de novembro, para visibilizar este problema en toda a nosa xeografía.

Amigos da Terra leva anos apoiando medidas eficaces para mellorar a xestión de residuos. Para dar a coñecer a problemática e a súa solución e facer partícipe á cidadanía das mesmas, a organización decidiu lanzar esta foto-acción, baixo o hashtag #DoylaLata, que contribúa a reclamar medidas eficaces para un problema común a toda cidadanía. “Dou a lata” é unha chamada á acción colectiva para reivindicar unha solución eficaz como o sistema de retorno de envases.