A Administración local deixará de recadar ao redor de 1,6 millóns con esta medida.

O Concello rebaixará un 5% o recibo do IBI

O grupo de goberno do Concello de Ourense anuncia unha rebaixa do IBI para 2017 do 5%. Segundo explicou o rexedor trala Xunta de Goberno local extraordinaria na que se aprobou a modificación da ordenanza correspondente, detrás desta medida está a “vontade de diminuir a presión fiscal sobre as familias”.

Na actualidade, o tipo de gravame do Imposto de Bens Inmobles de Ourense está no 0,54%, na franxa baixa do imposto, e coa redución prevista quedaría nun 0,51%. Jesús Vázquez xustificou que a rebaixa do IBI non sexa superior en informes técnicos: “unha redución maior suporía unha fractura da estabilidade orzamentaria”, dixo.

No último ano o Concello de Ourense recadou 32,9 millóns de euros polo cobro dos 131.361 recibos de IBI emitidos (129.811 de natureza urbana e uns 1.550 de natureza rústica). Coa redución prevista, a Administración deixará de percibir ao redor de 1,6 millóns de euros no vindeiro ano. O Goberno local agarda compensar esta cifra cunha maior achega económica por parte do Estado.

A modificación da ordenanza do IBI aprobada tamén implica mellorar o tratamento fiscal á Universidade de Vigo, que recibirá unha bonificación do 95% neste imposto.  “Á Universidade se lle esixirán condicións, que ese beneficio redunde na cidade”, precisou Jesús Vázquez.

O alcalde conta con que os grupos da oposición renuncien ao período de emendas para poder levar a aprobación da modificación da ordenanza ao vindeiro pleno ordinario, do 4 de novembro. “Estamos co tempo moi xusto”, sinalou.

Valoración sobre os colectores soterrados

Con respecto ás afirmacións feitas na véspera polo voceiro de Democracia Ourensana en relación á apertura dos contedores soterrados, o rexedor popular recalcou que a situación de Ourense “non é comparable” á doutras cidades citadas por Gonzalo Pérez Jácome. “É un servizo que foi precintado por cuestións de seguridade, se necesita ser rigoroso e cauteloso; eu non quero estar dando contas no xulgado polo facelemento dun operario, entendan que queremos tomar todas as medidas de precaución”, explicou Vázquez Abad.