O Concello de Ourense aforrou unha cantidade entre 97.400 e 107.620 euros, segundo as estimacións do departamento de Medio Ambiente, a través da produción e recuperación de árbores, plantas e arbustos no Viveiro Municipal no período entre setembro 2015 e outubro 2016. Son as conclusións dun informe da Concellería na Xunta de Goberno local deste xoves “que vén confirmarnos o aforro que supón a produción vexetal no noso viveiro”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa.

“Un dos obxectivos que se marcou este goberno municipal foi a recuperación deste servizo municipal, que hai máis de 10 anos chegou a converterse nun dos viveiros de carácter público de referencia na Península”, dixo o rexedor.

O aforro vén en cinco ámbitos concretos. No que respecta á clonación de arbustos (tamén chamados estaquillas), o Viveiro produciu un total de 4.600 exemplares logo dos ciclos de transplante, crecemento e formación nos invernadoiros. En total, entre 64.000 e 73.600 euros en produción de arbustos.

No tocante á recuperación de árbores danados por impactos de accidentes, actos vandálicos, escaseza de auga ou pragas e enfermidades, recuperáronse 35 exemplares de diversas especies arbóreas (o informe completo está en mans do departamento de prensa, por se queredes ampliar) con valor de 4.420 euros, mentres o valor do recuperado en arbustos é de 3.570 a 4.590 euros.

O terceiro punto refírese á realización de xardineiras, realizadas nas propias dependencias do viveiro con substrato propio. En total, foron 42 as realizadas para repartilas por diferentes puntos deste Concello. Tamén destaca o informe a produción de plantas vivaces perennes, empregadas nos parques de Avilés de Taramancos e en emprazamentos concretos do Botánico de Montealegre. O seu valor ascende a 3.680 euros.

Finalmente, subministráronse un total de 237 metros cúbicos de compost vexetal a diferentes servizos municipais, cun valor estimado de 21.330 euros.