A Concellaría de Igualdade organiza un amplo abano de actividades dirixidas a todos os segmentos e colectivos sociais para avanzar na sensibilización e prevención da violencia de xénero.

O Concello de Barbadás a través da Concellaría de Igualdade, dentro da súa programación anual, redobra o seu esforzo no traballo de sensibilización e prevención da violencia de xénero durante todo o mes de novembro e singularmente na semana do 25 de novembro, día contra a violencia de xénero. Esta programación agrúpase baixo o lema «O feminismo non morde, o machismo mata».

Así,  aos obradoiros que desde fai dúas semanas se veñen desenvolvendo nos centros de primaria do Concello e no IES Ferro Couselo de Ourense, coa finalidade de abordar a concienciación desde a infancia e adolescencia agora engádense outras actividades de difusión desta terrible lacra machista, como é a colocación de tarxetas rexeitando a violencia machista nos negocios e locais comerciais. Neste sentido a concelleira, Ánxela González manifesta “o seu profundo agradecemento a todas as comerciantes pola súa magnífica acollida desta campaña e o seu orgullo por ver que a maioría deles xa locen o cartel nos sitios máis visíbeis dos seus escaparates”.

Para continuar coa sensibilización engadiu a nacionalista “tamén haberá campañas de rúa, unha protagonizada pola Asociación Xarela, que tivo a ben ofrecer a súa colaboración ao concello, e que o martes, día 22, ao longo da mañá, repartirá un prospecto contra a violencia de xénero diante do centro de saúde da Valenzá”. Un obxectivo similar persegue a concellaría de Igualdade que repartirá ao longo da semana un agasallo que baixo o lema plántalle cara á violencia machista tamén “contén información acerca do que é e como atallar a violencia antes de que chegue ao feminicidio” engadiu Ánxela González.

A campaña tamén ten o seu aspecto lúdico-formativo e así o xoves, día 24 ás 20 horas na Casa da Cultura Manuel María, terá lugar a representación da obra «No es país para coños». Con esta obra preténdese facer unha reflexión sobre o papel do feminismo e a necesidade de reivindicalo na nosa teoricamente moderna sociedade.

Actividades do día 25

E finalmente o propio día 25, venres os actos que se desenvolverán pretenden involucrar desde os nenos e nenas de infantil até as persoas máis maiores do concello “porque erradicar o machismo e a violencia que conleva e cousa de todos e todas” remarcou a concelleira.

De 11:30 a 13:00, os nenos e nenas dos centros educativos están convidadas a poñer as súas mans nun mural na avenida de Celanova (á altura do Mercadona) baixo o lema «Une as túas mans contra o puño machista». De 16:30 a 18:00 continuarase coa actividade anterior, á que están convidadas todas as persoas que o desexen e culminará ás 18 horas coa lectura dun manifesto por parte da concelleira de Igualdade.

A partir das 19 horas na biblioteca da Casa da Cultura Manuel María haberá unha charla coloquio coa cal se pretende evidenciar que se pode rachar o círculo da violencia e axudar ás vítimas a saír del. Participará Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación Si hai saída de Lugo.

Estas actividades culminarán coa actuación na Casa da Cultura Manuel María do grupo Xardín Desordenado, a partir das 20:30, na que se homenaxea e pon en valor ás mulleres a través do seu traballo de poemas de mulleres nun espectáculo que se titula Aprendendo a ladrar.