A Xerencia responde que o complexo hospitalario ten operativas todas as súas camas e conta con recursos e persoal para atender as urxencias.

O BNG pide unha partida concreta para mellorar a sanidade pública en Ourense

A deputada por Ourense Noa Presas e a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzaron as propostas do BNG para mellorar a situación da sanidade pública na provincia, que será unha prioridade do traballo social e institucional da formación nacionalista, que xa anunciou dúas iniciativas inmediatas: garantir recursos orzamentarios para mellorar a situación de colapso no servizo de urxencias no CHUO, e unha campaña en defensa da sanidade pública na provincia.

Neste sentido, Presas anunciou esa campaña “tanto a nivel social como desde as institucións, incluíndo propostas comúns aos tres centros hospitalarios, -Ourense, Verín e Valdeorras-, a empezar por abordar a situación de colapso do servizo de urxencias no Centro hospitalario de Ourense, algo cíclico que se agrava na época de descanso do persoal sanitario”, explicou.

Presas foi moi clara neste sentido: “Faltan camas, falta persoal e hai unha xestión deficiente, explicou, ao tempo que convidou “ao conselleiro de Sanidade, -Xesús Vázquez Almuíña-, e á xerente do CHUO, -Eloína Núñez-, a que experimenten 24 horas nas urxencias médicas de Ourense para que vexan a situación lamentable que sofren os e as pacientes, e tamén a situación de estres e de colapso que vive o propio persoal sanitario saturado de traballo”.

Para abordar ese problema de xeito inmediato, o BNG demanda unha dotación orzamentaria. “Unha partida orzamentaria específica nas contas públicas de 2017 para resolver o problema de saturación que ten o servizo de urxencias do Centro hospitalario de Ourense”, indicou Pontón, algo que ao seu entender non debería ser difícil “dado que empezamos unha nova lexislatura e dado que o presidente da Xunta dixo estar disposto a chegar a acordos.

Se a Xunta non toma a iniciativa no proxecto de presupostos que enviará nos próximos días á Cámara, “o BNG presentará unha emenda para consignar recursos e fará a campaña social que sexa necesaria para poñerlle fin a un problema que é estrutural pero que tamén é a punta do iceberg da grave situación derivada da privatización e dos recortes na sanidade”, indicou Pontón quen, xunto con Presas e referentes locais do BNG, mantiveron un encontro con representantes do persoal nas instalacións do CHUO.

Ambas deputadas salientaron que a falta de persoal e de mellores instalación súmase a deficiente xestión e falta de diálogo da actual responsable dos tres centros hospitalarios da provincia, Eloina Núñez, polo que consideran lóxico o seu cese.

Resposta da Xerencia

Na mesma xornada que as políticas nacionalistas facían pública as súas críticas á xestión da sanidade pública ourensá, desde a Xerencia remitían un comunicado no que informaban de que o  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ten operativas o 100% das súas camas e plena capacidade de atención e hospitalización de pacientes, tanto urxentes como de ingreso programado, sen problemas asistenciais en urxencias nin aumento de urxencias atendidas.

«A hospitalización baséase no equilibrio entre os pacientes que ingresan (urxentes e programados) e os que son dados de alta, polo que cando aumenta estanza media (media de días no hospital dos pacientes) ou se reducen as altas, a ocupación de camas pode retrasar o traslado ás habitacións dos pacientes que entraron por urxencias», explican no comunicado.

Urxencias é un dos principais accesos ao hospital, polo que en ocasións, cando tras ser atendidos se considera deben ingresar, permanecen un tempo limitado no servizo, ata seu traslado a unha habitación. Para axilizar estes traslados internos dentro do hospital, evitando súa permanenza en Urxencias, o CHUO conta con distintas unidades, con camas de preingreso ou tránsito, que permiten atendelos «sempre en condicións asistenciais axeitadas ata o seu traslado á habitación».

Na actualidade no CHUO as camas de hospitalización están divididas entre dous edificios separados, o que dificulta o traslado as habitacións -por ter que facelo en ambulancia- Ademais, e pese a que o Santa María Nai conta habitualmente con camas libres, non todos os pacientes ingresados por urxencias poden ser hospitalizados alí, xa que seguindo os criterios médicos marcados polos diferentes servizos como Medicina Interna, Dixestivo, Cardioloxía etc.. precisan doutros servizos situados no Cristal. A Xerencia de Xestión Integrada remarca que esta situación terá «unha solución definitiva coa apertura do novo edificio de hospitalización que por fin unirá nun único centro aos pacientes hospitalizados».