PSOE e DO tachan as declaración do ministro de Fomento de “engano” e “nova discriminación” do PP mentres o alcalde reclama unidade ao redor dun “dereito xa consolidado desta cidade”.

Ourense defende a variante exterior

O voceiro do grupo muncipal socialista, José Ángel Vázquez Barquero, afirmou este martes con respecto ás declaracións do ministro de Fomento que puñan en cuestión a construción da variante exterior que eles xa anticiparan tal circunstancia, dadas as afirmacións do presidente Feijóo hai pouco máis dun mes nas que aseguraba que a variante exterior non era unha prioridade.

A este respecto, os socialistas consideran que estamos ante “un novo engano do PP á nosa cidade”, e unha “traizón” de Feijóo e de Íñigo de la Serna, coa “complicidade e sumisión do alcalde”. Barquero cre que o discurso de Jesús Vázquez de “paladín da cidade” e portador da “bandeira do ourensanismo”, ao presentar este mesmo martes unha moción en defensa da variante exterior, chega a destempo. “Tarde piaches”, aseguraba o socialista, que consideraba que o descrédito político de Vázquez Abad é “absoluto”, recordando que non convocou aínda a comisión interinstitucional de seguimento da chegada do AVE solicitada por acordo plenario hai meses.

Para DO, o PP “incumple constantemente”

Desde Democracia Ourensana anunciaron que non van realizar ningún movemento especial a curto prazo, en forma de mocións e protestas”, en relación ao que consideran unha nova discriminación do Goberno central coa entrada do AVE a Ourense. Isto é así porque logo de celebrarse eleccións nas que se votou maioritariamente ao PP deben ser os seus votantes “los que deben protestar”. “Estos votantes ya deberían saber que el PP incumple constantemente las propuestas y fechas de llegada del AVE a Ourense, y si ha sido la lista más votada, habrá que respetar la decisión mayoritaria”, explica nun comunicado o partido de Gonzalo Pérez Jácome.

Moción do PP

Quen si presentará unha moción será o Partido Popular, na que o Concello instará ao Ministerio a que “en coherencia con todos os pasos administrativos antes citados (na exposición da moción) proceda nesta lexistatura a continuar avanzando na execución da proxectada variante ferroviaria entre Taboadela e Ourense”.

O alcalde ourensán volvía este martes a considerar un investimento “que non é negociable” a construción da variante exterior. “Non falamos de minutos, ese tema nunca estivo enriba da mesa, o que está enriba da mesa é que a cidade quede dividida por décadas ou de por vida pola entrada dun AVE que é necesario”, defendía Vázquez Abad. O rexedor recordaba de novo que esa variante respondía tanto a acordos plenarios como a protocolos asinados con distintos Gobernos centrais “de distintas cores políticas”. E esa será a postura que defenda, á que agarda se sumen o resto de grupos políticos. “Temos que manternos unidos e por riba das siglas”, subliñaba.

Con respecto ás declaración do titular de Fomento de que a construción da variante exterior atrasaría aínda máis a chegada da alta velocidade a Galicia, a 2021, o alcalde contempla a opción de que “durante un tempo breve se poida entrar polo actual acceso pero sempre e cando se esté construindo a variante exterior”. “Non podemos renunciar ao que entendemos que é un dereito xa consolidado desta cidade”, concluía.

A mesma moción do PP tamén se debatirá no próximo pleno da Deputación Provincial.