A nova secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, supervisou a finalización das obras.

Abre a pista de pump track indoor de Maceda

Xa se pode dicir que Maceda conta cunha pista de pump track indoor. Esta semana, a nova secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, supervisou a finalización das obras que se realizaron na antiga nave de hípica Os Secos.

A Secretaría Xeral para o Deporte financiou integramente esta actuación cunha achega de 60.453,49 euros.

Míguez asegurou que o ciclismo, e máis especificamente o ciclismo de montaña, “é para Maceda máis que un deporte” xa que os  éxitos recollidos polo Club Ciclista macedán elevan a esta disciplina “á categoría de cultura e tradición”. Deste xeito, Marta Míguez nomeou a dous dos ciclistas máis importantes que saíron desta canteira ourensá como Pablo Rodríguez Guede ou Iván Feijoo, pero advertiu que “o ciclismo galego en xeral ten en nómina moitos outros nomes que de seguro achegarán grandes éxitos á nosa terra”.

A secretaria comprobou «in situ o excelente estado da pista de BTT”, sinalou Marta Míguez e continuou dicindo que “grazas a esta actuación os deportistas de Maceda poden adestrar nunha instalación de primeira calidade para seguir medrando ao carón dun deporte que tan importante é para esta vila e que xa ten achegado a Galicia grandes campións”.