Será esta fin de semana, 6 e 7 de maio.

Ourense acolle o Campionato de España de ximnasia en Idade Escolar

As mellores ximnastas do momento estarán en Ourense esta fin de semana (5 -sesións preparatorias-, 6 e 7 de maio, no Pavillón dos Remedios) no Campionato de España de Ximnasia Rítmica en Idade Escolar. “Unha oportunidade de que os veciños poidan contemplar os novos valores deste deporte tan disciplinado”, aseguraba o concelleiro de Deportes, Mario Guede, na presentación, pero tamén de que coñezan unha cidade de alma deportiva e de vocación acolledora”.

Sobre a pista do Pavillón dos Remedios daranse cita 156 persoas entre deportistas (90 ximnastas), xuíces e técnicos, pero as gradas lucirán un colorido especial pola gran cantidade de xente que atrae este deporte, anunciaba o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez. Corda, aro, mazas, cinta e pelota serán as disciplinas nas que compitan, tanto en categoría individual como por federacións territoriais. “Estamos a falar das mellores ximnastas de todo o país”, dixo Estévez.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, felicitou a todos os estamentos implicados na celebración deste Campionato, desde o Consello Superior de Deportes ata a Federación Galega, a quen felicitou por “favorecer a práctica da educación deportiva e física en idades tan temperás”, dixo, o que nos conduce “a unha sociedade sá”. Na mesma liña se pronunciou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, quen puxo en valor a colaboración entre institucións públicas e privadas para que eventos coma este poidan celebrarse.

Horario
As competicións non comezará até o sábado ás 9:00 horas. Os horarios e a relación de participantes pódense atopar na páxina web da Federación Galega de Ximnasia. A competición oficial terá lugar o sábado pola tarde e o domingo pola maña.