Pola serie de reportaxes Las mil Galicias.

Tres xornalistas do ABC, premio Carracedo

Os xornalistas Patricia Abet, Abraham Coco e Elena Pérez recibiron esta mañá de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, na súa edición de 2017, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade.

O acto, celebrado no Salón de Plenos da Deputación, contou coa participación da irmá e do sobriño de Xosé Aurelio, Clara Carracedo e Miguel Jiménez Carracedo, respectivamente; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, deputados provinciais, membros do xurado e representantes dos ámbitos xornalístico, cultural, social.

O xurado concedeu o galardón aos tres xornalistas pola serie de reportaxes titulada Las mil Galicias, publicada no diario ABC, que achega “unha panorámica sobre a situación actual de Galicia desde o punto de vista da solidariedade, a innovación e o emprendemento”, e supón “unha aposta dun medio e dos seus profesionais por un traballo en equipo, continuado no tempo, para analizar a realidade actual de Galicia, ofrendo aspectos sobre o problema demográfico, a investigación e os sectores económicos que resisten e seguen impulsando competitividade en Galicia”.

Patricia Abet, en nome dos premiados, agradeceu á Deputación de Ourense a convocatoria deste certame “un dos máis antigos de Galicia e de España, e que supón un estímulo para os que nos dedicamos a esta profesión”. Asemade, agradeceu ao xurado que valorase “o que se esconde detrás desas pequenas historias de vida que se recollen en Las mil Galicias, reportaxes nas que traballamos durante seis meses e que lle dan visibilidade a vidas anónimas desa Galicia que resiste, solidaria e emprendedora”.