A campaña, dirixida pola concellería de Seguridade Cidadá pon en marcha unha campaña de concienciación -a través da Policía Local- para identificar os cans que carecen de microchip.

O Concello de Verín pon en marcha unha campaña para a identificación de cans por microchip

A concellería de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil acometerá a partir do vindeiro día 15 de xullo, a través da Policía Local,  un plan de identificación de cans que carecen de microchip. O preocupante aumento abandonos e a saturación da protectora de animais comarcal, son as principais razóns para iniciar esta campaña de concienciación.

O proxecto esta formado por unha serie de accións. En primeiro lugar, farase un reparto de folletos e carteis informativos entre a poboación coa axuda da Asociación Pro-animales Verín. Debido a que o microchip é obrigatorio por lei dende o ano 2003, a segunda das accións será unha campaña especial de identificación dos animais sen microchip e dos seus devanditos donos. No caso de ser reincidentes, e segundo o artigo nº 5 do decreto lei 90/2002 do 28 de febreiro de 2002, os donos dos cans poderán ser sancionados con multas que poderán ascenden dende os 150 aos 750€.

A Policía local, acometerá a campaña especial de control dende o 15 de xullo ata o 15 de agosto, facendo especial fincapé nas zonas rurais, onde os casos de cans perdidos ascenden a cifras máis significativas.

“A campaña é algo necesario para concienciar aos cidadáns da obriga que teñen co seu animal e ca sociedade” afirmou Cándida Couñago Lara, concelleira da área de tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, “os propietarios dos cans deben ter coñecemento da obrigatoriedade do cumprimento da lei de identificación” continuou Couñago, “posto que o fín os responsables de calquera dano que poidan causar son eles”. Segundo explicou a concelleira, o principal obxectivo da campaña será a concienciación  dos propietarios, pero imporanse sancións as persoas que, tras darlle un primeiro aviso, sexan reincidentes.

Veves Gascón, directora de Pro-animales Verín, tras un 2016 no que grazas aos chips, puideron volver a casa máis de 50 cans, explicou que “os microchips teñen que implantarse por dous motivos, o primeiro deles é que o dita a lei. O segundo é que un can sen chip é moi difícil que regrese á casa. Cando nos vemos neses casos, temos que botar man de Facebook e esperar a ter sorte, poden pasar días, semanas, incluso varios meses”.

Ordenanza Municipal sobre animais de compañía
O Concello de Verín, consciente da necesidade de regular as interrelacións entre as persoas e os animais de compañía, elaborará unha ordenanza municipal específica fundamentada na sensibilidade social en torno ao respecto, a protección e a defensa dos seres vivos que máis preto conviven co home, tendo sempre en conta tamén os riscos hixiénico-sanitarios, ambientais e de seguridade e tranquilidade para a comunidade, que é preciso evitar.