Celebraranse nos concellos de Riós, Celanova, Ourense e Esgos.

Catro campos de traballo organiza a Xunta neste verán na provincia de Ourense

A Consellería de Política Social subscribiu os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo, para idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, en Riós, Celanova, Ourense e Esgos, ao abeiro da  campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia.

Cada un deles ofrece 20 prazas e todos son de ámbito internacional, ofrecendo así a oportunidade aos participantes de estar en contacto con mozos e mozas doutros países.

O campo de traballo de Riós é o primeiro dos catro que se celebre na provincia, entre o 11 e o 21 de xullo, e terá carácter medioambiental. Nel, os voluntarios realizarán traballos de cultivo de soutos, achegaranse ás novas tendencias no aproveitamento dos terreos e coñecerán a cultura do castiñeiro participando en obradoiros sobre tradicións, música e mitoloxía popular. Así mesmo, participarán en dinámicas de grupo, e realizarán rutas de sendeirismo e orientación entre outras actividades.

Celanova acollerá un campo de traballo do 16 ao 30 de xullo centrado no mundo audiovisual. Durante eses 12 días, os participantes acudirán a obradoiros prácticos de formación sobre as distintas disciplinas que se conxugan para poder levar a cabo un audiovisual express. Deste xeito, realizarán tarefas de redacción do guión, produción, rodaxe, montaxe, posprodución e principios da interpretación. Ademais, participarán nalgunhas coferencias do curso de verán sobre o audiovisual da Universidade de Vigo e terán a oportunidade de coñecer o patrimonio arquitectónico e monumental de Celanova.

O medioambiente e o eido social serán os eixos que vertebren o campo de traballo de Ourense, que terá lugar do 1 ao 11 de agosto. Os voluntarios acondicionarán terreos para uso agroecolóxico, o que está enmarcado nun programa ecosocial para persoas en risco de exclusión social e recibirán formación e asesoramento sobre a comercialización de produtos agrícolas entre outras accións. Os mozos e mozas tamén realizarán actividades complementarias que comprenden unha visita ás termas de cidade, baños no río, xeolocalización na urbe así como charlas de carácter social coas entidades colaboradoras do proxecto.

O último dos campos de traballo celebrarase do 2 ao 13 de agosto en Esgos. Na modalidade de campo medioambiental e etnográfico, esta iniciativa permitirá aos participantes limpar e acondicionar a ruta do río Grañal, crear unha páxina web e unha ruta virtual sobre a mesma, elaborar un documental onde se amosarán as testemuñas patrimoniais e etnográficas para a posta en valor desta zona e tamén dinamizarán o Mosteiro de San Pedro de Rocas a través da dramatización da súa historia ao longo do tempo. Os asistentes a este campo de traballo tamén poderán realizar tiro con arco, acudir á piscina, participar en carreiras de orientación ou visitar as termas de Outariz entre outras experiencias.