O evento cultural, que terá lugar este venres, 11 de agosto, contará con música en directo de mariachis, gastronomía tradicional mexicana e actividades para os máis cativos.

Avión celebrará a XIII edición da súa “Festa Mexicana”

O Concello de Avión acollerá o vindeiro venres, 11 de agosto, a celebración da XIII edición da “Festa Mexicana” ofrecendo aos asistentes música en directo a cargo de mariachis, actividades para os máis cativos e gastronomía tradicional mexicana.

Segundo o alcalde de Avión, Antonio Montero, esta festividade naceu como “unha homenaxe a toda a emigración, pois o noso municipio é eminentemente emigrante, e tratamos de simbolizar o país que ten maior transcendencia polo número de persoas que alí foron”.

En canto á organización da festa, Antonio Montero sinalou que “cada edición vaise mellorando ata converter esta celebración nunha cita obrigada no calendario festivo de Galicia, pois acoden a ela preto de 3.000 persoas”.

Pola súa parte, a responsable de Cultura do Concello, Isabel Gabián Lorenzo, asegurou que esta festa “representa o que somos moitos dos veciños de Avión: mexicano-galegos ou galego-mexicanos” e detallou a programación prevista para o día 11 de agosto, que comezará, como novidade, ás 18.30 horas, con actividades gratuítas dirixidas aos máis cativos entre as que se atopa o xogo da piñata, tradicional na cultura mexicana. Ademais, este ano, tamén haberá dúas piñatas para os adultos.

No apartado gastronómico, Isabel Gabián dixo que estarán presentes “catro restaurantes mexicanos afincados en diferentes puntos de xeografía galega e cada un deles ofrecerá a súa especialidade”. A partir das 21.00 horas, será a quenda para a música coas actuacións dos mariachis, “unha das actividades de maior éxito da “Festa mexicana”, sinalou Isabel Gabián.