O certame, con 21 establecementos participantes, entregará un premio decidido por un xurado profesional e outro resultante dunha votación popular.

O concurso ‘Barbadás a Bocados’ chega esta fin de semana

Esta fin de semana (do 15 ao 17 de setembro) celébrase o concurso de petiscos ‘Barbadás a Bocados’ que chega a súa segunda edición e conta coa participación de 21 establecementos hostaleiros.

O éxito do ano pasado, con máis de 5.000 petiscos puntuados polos clientes, motivou a que tivera continuidade no tempo . Este éxito foi constatado polas gañadoras do certame do ano pasado, que tamén participaron na presentación. Virginia Álvarez (A Cova do Savio), gañadora da categoría popular en 2016, declarou que lle sorprendeu a visita de moitos clientes non habituais, procedentes en gran parte da cidade de Ourense. Isabel Almeida (Oren Express), gañadora da categoría profesional, manifesta que o concurso é unha iniciativa moi positiva e confía en que este ano medre a participación.

Vales
Os clientes participantes na votación optarán a vales de 50 euros para consumir no comercio local e á visita a unha adega con cea para dúas persoas

Categoría profesional
A categoría profesional contará cun xurado do que formarán parte: Jorge Brazalez, gañador da última edición do concurso de TVE MasterChef España; o cociñeiro Miguel González Quintela, gañador do premio á mellor tapa de Galicia no certame ‘De tapas por Galicia’; Pilar Alonso, xornalista de Expreso Diario; Inés Carcacía, responsable do blog ‘El toque de Inés’; e José Luis Oliveira, do blog ‘Bo proveito’.

O xurado profesional valorará o sabor, a presentación e a creatividade das propostas de cada establecemento, que terán unha temática gastronómica libre. Unha das novidades este ano nesta categoría é que os establecementos acudirán a presentarlles as súas propostas aos integrantes do xurado nun espazo situado á altura do número 37-39 da avenida de Celanova. Farano en grupos, o sábado de 11:00 a 13:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.

Categoría popular
Os clientes decidirán quen gaña o outro gran premio do certame mediante votacións en urna. Para iso, disporán de tarxetas de votación en cada un dos locais participantes e tamén no espazo do certame situado na avenida de Celanova. Terán que probar un mínimo de catro petiscos, acreditándoo co selo doutros tantos establecementos.
As degustacións do público poderán efectuarse o venres 15 de setembro de 19:00 a 23:00 horas, o sábado 16 de 12:00 a 15:30 horas e de 19:00 a 23:00 horas, e o domingo 17 de 12:00 a 15:30 horas e de 19:00 a 22:00 horas.
As tarxetas de votación depositaranse nas urnas cos datos persoais para participar no sorteo de premios. En concreto, entre todos os votos válidos emitidos sortearanse catro vales de 50 euros para consumir no comercio local de Barbadás, ademais dunha visita á adega de vermús galegos Nordesía cunha cea para dúas persoas incluída.

Premios en metálico
As novidades deste ano son os premios en metálico para os establecementos gañadores, tanto na categoría profesional como na popular. A súa contía será comunicada ao remate do concurso. Son premios financiados por dúas adegas patrocinadoras: Granbazán na categoría popular e San Clodio na categoría profesional.

Actividades complementarias
O certame ofrecerá ademais diversas actividades de animación durante as tres xornadas. Nas xornadas do venres e o sábado, en horario nocturno, o grupo local ‘Amigos do Téquele’ percorrerá os establecementos participantes cos seus cantos de taberna. O grupo ‘Perqutores’ ofrecerá tamén o seu espectáculo polas rúas durante a celebración do certame.
O domingo celebrarase unha Feira de Produtos Artesáns e Ecolóxicos de 11:00 a 21:00 horas. Ás 18:30 horas, os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro no que aprenderán a elaborar unha merenda saudable. Esta actividade desenvolverase no posto do certame na avenida de Celanova.

Establecementos participantes
Os locais que participan no segundo ‘Barbadás a Bocados’ son: O Chicote, Paladium, Ohama Bar, A Cova do Savio, Restaurante Pizzería Vivaldi, Oren Express, Café Acordes, La Ibense, Cafetería Kibu, O Pereiriña, Dos Yemas, Cachopizza, Café Bar Meigas, Estambul Kebad, Tapería Xuntos, Cafetería Brétema, Bar Novo Angazo, Rey Chipirón, Cafetería A Solaina, Alecrín e A Botika.