Co Quinteto solista da Orquestra sinfónica de Galicia.

Regresa o Enclave de Cámara

Regresa o V Enclave de Cámara co concerto do Quinteto solista (frauta, óboe, clarinete, fagot e trompa) da Orquestra sinfónica de Galicia. A actuación terá lugar o xoves, 11 de xaneiro a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal.

O grupo, formado en 2001 por catro músicos americanos e un valenciano con traxectorias internacionais recoñecidas, combina á perfección a mentalidade europea e americana coa fin de producir música con estrutura, personalidade, profundidade e expresividade.

O Quinteto intégrano Claudia Walker, frautista principal da OSG desde 1992 ademais de reforzo convidada durante anos da Filharmónica de Nova York; Casey Hill, óboe principal quen traballou con prestixiosos directores como Zdenek Macal, Hugo Wolf, Edo de Waart ou Michael Tilson Thomas; Juan Antonio Ferrer Cerveró, clarinetista incorporado á OSG en 1995 e membro dos grupos de cámara Trío Untia, Siglo XX e Paganini Ensemble; Steve Harris Wangler, fagot solista formado con Stephen Maxym en Juilliard School e máis tarde con Bernard Garfield en Temple University e David Bushnell, actual solista de trompa da OSG e anteriormente da New World Symphony Orchestra, The Florida Orchestra e outras.

Variado será tamén o repertorio que teñen preparado: comezarán cun divertimento composto por Mozart precisamente cando os instrumentos de vento adquiren unha maior importancia na música orquestral ao adaptárense ás necesidades dos compositores para sumalos á corda e continuarán, mantendo a orde cronolóxica, con obras de Reicha, Rossini e Carl August Nielsen.