Nos centros sociocomunitarios da provincia.

A Xunta promove a saúde bucodental

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o centro sociocomunitario Ourense Centro e participou na apertura da segunda edición do programa “A saúde bucodental non é cuestión de idade” dirixido ás persoas maiores co obxectivo de fomentar hábitos de hixiene bucodental.

Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar ,e da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández, animou aos seus usuarios a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, que repercutan nunha maior calidade de vida.

A actividade dirixida aos usuarios dos centros sociocomunitarios da provincia consiste na realización dunha charla formativa, impartida por unha hixienista dental da xefatura territorial de Sanidade, coa que os maiores aumentarán os seus coñecementos e habilidades relacionadas coa saúde bucodental na vida diaria e coa adquisición de hábitos de hixiene.

Os últimos datos sobre saúde oral en España sinalan que máis do 90% dos maiores de 65 anos padecen una enfermidade peridontal e teñen unha media de 14 dentes afectados de caries. Os maiores de 65 anos manifestan ter peores hábitos no referente a hixiene bucal diaria e mesmo un 5,3% recoñece que non realiza ningún cepillado de dentes ao día, porcentaxe que aumenta de forma progresiva ata o 17% nos maiores de 85 anos. Nos últimos dez anos as cifras de falecementos en Galicia por cancro de labio, cavidade oral e farinxe mantéñense entre os 169 do 2005, os 202 de 2012 e os 184 casos no pasado 2015.

Unha saúde bucodental deficiente inflúe na aparición de determinadas enfermidades sistémicas, no benestar xeral das persoas, na súa capacidade de comer e de falar, e mesmo pode afectar á saúde mental e as relacións sociais. Ante estes datos, e dado o envellecemento progresivo da poboación, a xefatura territorial de Sanidade, co apoio da Dirección Xeral de Saúde Pública e coa colaboración da xefatura territorial de Política Social, decidiu organizar a segunda edición deste programa co obxectivo de mellorar a saúde bucodental dos maiores da provincia ourensá. A primeira edición desenvolverase en 2014 e contara coa participación de 500 persoas.