Terá lugar este venres, 2 de marzo, co ovo como protagonista.

Nova oferta da «Ruta das tapas» do Carballiño

Os establecementos hostaleiros do Carballiño ofrecerán este venres, 2 de marzo, 16 formas diferentes de degustar pinchos elaborados con ovos, dentro dunha nova xornada da Ruta das Tapas.

O evento foi presentado na cafetería Ningures durante un acto ao que asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o presidente e a xerente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga e Noelia Mares, respectivamente; a relación públicas da adega Pazo Tizón, Sara López, e representantes dos dezaseis mesóns, cafeterías e restaurantes integrados nesta iniciativa.

Diego Fernández agradeceu aos hostaleiros o esforzo que estaban realizando para superarse en cada xornada e ofrecer á clientela tapas máis creativas, e recordou que, ademáis da vertente gastronómica, tamén se pode gañar algún dos múltiples premios previstos. Tamén dixo que a dedicatoria desta xornada aos ovos foi unha petición popular, e finalmente, agradeceu a colaboración do CCA e de Pazo Tizón.

Noelia Mares convidou aos carballiñeses e visitantes a participar nesta primeira xornada de marzo. Destacou a APP “quedamosdetapas”, que se pode descargar para ver en calquera teléfono móbil cada unha das tapas que se ofertan para este venres. Así mesmo, recordou que a degustación dos pinchos tamén pode ter premio.

No mesmo sentido se pronunciou Sara López, recomendando acompañar as tapas cun viño da adega Pazo Tizón.

As tapas comezarán a servirse nos 16 locais participantes, ao prezo de 1,50 euros cada unha, a partir das 20:00 h.