Valorado en 3.000 euros.

Premio de poesía “Florencio Delgado Gurriarán”

O Premio de poesía “Florencio Delgado Gurriarán” pon en valor a figura do intelectual valdeorrés e achega a súa obra á sociedade.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Pazo Provincial xunto aos alcaldes do Barco de Valdeorras, A Rúa e A Veiga, Alfredo García, Luis Fernández e Juan Anta, respectivamente; e acompañado polo presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco, e pola directora do proxecto “As letras de Florencio”, Débora Álvarez, o I Premio de poesía “Florencio Delgado Gurriarán, un galardón que ten como obxectivo mesturar a poesía de Delgado Gurriarán coa nova poesía, promover a creación poética achegándoa a todos os públicos e seguir promovendo a importante figura deste intelectual valdeorrés.

Manuel Baltar afirmou que estamos a falar “de reivindicar a figura, o legado, a traxectoria e a obra dun dos grandes das nosas letras e a nosa cultura: Florencio Delgado Gurriarán, un intelectual, que, como dixemos en Córgomo cando hai meses lle demos a saía á iniciativa que ten que levar ao recoñecemento oficial para que o Día das Letras Galegas lle sexa dedicado a Delgado Gurriarán, a súa vida é un exemplo de compromiso cultural e mesmo político -estivo no exilio en México, onde fundou a revista “Vieiros”-, é dicir, a súa historia e sobradamente coñecida pero necesitamos seguir poñendo en valor a súa obra, por iso agradezo aos alcaldes, concellos e institucións que desde o primeiro momento se sentiron identificados con este proxecto, que non rematará cando se lle recoñeza co Día das Letras Galegas, senón que continuará, porque a pegada que deixou Florencio Delgado Gurriarán dentro da nosa lingua e a nosa cultura é indubidable e por iso merece todo o noso apoio e recoñecemento”, expresou o presidente do goberno provincial.

En canto ás bases do premio, a directora do proxecto explicou que “non se trazou unha temática obrigada, porque a poesía debe ser libre”. Os únicos requisitos son que os textos “deben estar escritos en lingua galega e non deben exceder os 300 versos”, detallou Débora Álvarez, quen engadiu que o certame ten un único galardón “porque queremos individualizar o noso apoio nun só creador, cun premio único de 3.000 euros, ademais da publicación das obras dos cinco finalistas e mais unha pequena escolma da obra de Florencio. Trátase de unificar a nova poesía coa poesía de Florencio, e que sexa esa publicación a que poidamos levar ás bibliotecas públicas e aos centros escolares”.

O premio resolverase o día 29 de setembro, e esa fin de semana desenvolveranse actividades para levar a Florencio e á poesía polos concellos da comarca de Valdeorras. O nome do premiado farase público no pobo natal de Florencio e a gala do premio terá lugar no centro cultural “Avenida” da Rúa.

«As letras de Florencio», proxecto no que enmarca o premio de poesía, é un traballo coordinado dos concellos do Barco, Carballeda, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, A Veiga e O Bolo co apoio da Deputación de Ourense, co fin de crear liñas transversais de traballo entre todos os sectores sociais, culturais e empresariais da contorna, cooperando para elo coas empresas culturais e de maneira especial co Instituto de estudios Valdeorreses e a Asociación de Amigos del Museo.