Terá lugar do 9 ao 13 de xullo no auditorio municipal da localidade.

XXXI edición das “Noites teatrais” de Vilamarín

O municipio de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o alcalde e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Amador Vázquez e Marina Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento “referente en Galicia, que difunde e promove o mellor teatro entre os veciños do municipio e os visitantes”, sinalou Rosendo Fernández, quen salientou que esta iniciativa “ameniza as noites de verán co mellor da dramaturxia de Galicia, nun evento que aglutina ocio, cultura e convivencia social”.

A concelleira de Cultura deu conta da programación, que por segundo ano consecutivo ofrece cinco días de espectáculos. Darán comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo “Os cravos de prata”. O día 10 será a quenda para Maricastaña, “o terceiro ano que están con nós, e presentarán un espectáculo grandioso “As ondas das pedras no río”, cun elenco no que figuran persoas do noso municipio”, explicou Marina Rodríguez. O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa “Casa O´Rei”, “un dos mellores espectáculos deste ano en Galicia”, puntualizou a concelleira. Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con “O rei morre”; e o día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra “Fillos do Sol”, “unha forma diferente de contarnos os últimos anos de Pondal”, explicou Marina Rodríguez. A entrada para os espectáculos é gratuíta.

O alcalde de Vilamarín destacou que as “Noites teatrais” tratan de potenciar a cultura galega ofrecendo unha programación a cargo de compañías galegas, e dixo que o público que vén a Vilamarín “sempre volve, atraído pola calidade desta proposta cultural, que cada ano trae ao noso concello o mellor do teatro galego”.