Celébrase os días 15 e 16 de setembro.

O RallyMix da Gudiña alcanza a quinta edición

A quinta edición do RallyMix da Gudiña e Terceiro Memorial “Guillermo Lago” aglutinará, os días 15 e 16 de setembro, automobilismo e natureza nun mesmo evento que será a proba decana do Campionato Galego desta especialidade. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xefe de seguridade da proba, Vicente Vázquez; o piloto local, Felipe Fernández; o presidente da Escudaría HC Competición, Gerardo Armesto; e o xefe da Agrupación de Protección Civil da Gudiña, Jorge Pereira.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que converterá ao municipio da Gudiña durante eses días “na capital do automobilismo galego”, cun evento que a través do deporte contribúe “a dinamizar a vida económica e social da zona”, explicou Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial lembrou que a proba será o terceiro Memorial de “Guillermo Lago”, o anterior alcalde do municipio, “por ser a alma máter deste evento deportivo”.

A proba automobilística comezará o sábado, 15 de setembro, coas verificacións técnicas e administrativas dos vehículos participantes. Así mesmo, os pilotos realizarán o recoñecemento do tramo en vehículos de rúa. A continuación, publicaranse a lista de vehículos autorizados a tomar a saída, para comezar ás 12.00 horas, a primeira pasada ao percorrido do circuíto, que se desenvolverá por pistas de terra e asfalto do municipio, cun trazado de 10,5 quilómetros. Desde as 13.30 ás 15.30 horas haberá un parón e, posteriormente, retomarase a competición con dúas pasadas máis ao circuíto.

Ao día seguinte, o 16 de setembro, realizaranse dúas pasadas máis ao trazado, comezando a primeira ás 10.00 horas. Por último, a entrega dos trofeos está prevista para as 14.00 horas.

“Ata o momento, sen estar aínda pechadas as inscricións, xa están anotados máis de 20 pilotos, aínda que esperamos superar a corentena”, dixo Vicente Vázquez, quen destacou que esta proba “ten moi boa acollida entre os pilotos, por ser mixta, e desenvolverse por terra e asfalto, o que a fai máis divertida”. Así mesmo, Vicente Vázquez sinalou que a proba “tamén está pensada para aqueles pilotos que se están a iniciar no automobilismo”. Neste mesmo senso, Felipe Fernández, gañador da edición pasada, dixo que o percorrido da proba está “moi ben deseñado e acondicionado, con tramos rápidos e técnicos”.

Por último, o alcalde da Gudiña asegurou que era un “orgullo” acoller xa a quinta edición desta proba “consolidada no calendario deportivo galego, e tamén a nivel nacional xa que participarán pilotos doutras Comunidades Autónomas”, e adiantou que continuarán a traballar para que sexa “un referente no mundo do motor”.