Organizado pola AVV San Breixo ata o 7 de outubro.

Outono cultural en Seixalbo

Un ano máis a vila de Seixalbo celebrará cunha apretada axenda, as actividades culturais coas que tradicionalmente recibe o outono, organizado pola Asociación Veciñal San Breixo.

O que naceu como “Semana Cultural”, hoxe reconvertida a un mes (do 7 de setembro ao 7 de outubro) alcanza xa a edición número 31 cun variado programa para todos os gustos e idades.

Entre os pratos fortes da programación, atópase a clásica viaxe cultural, nesta ocasión con visitas guiadas á Illa de San Simón e á Vila Romana de Toralla.

Haberá xornadas de convivencia intercultural en colaboración co colectivo migrante do Programa Teranga da Fundación Juan Soñador, e de convivencia veciñal, con taller infantil e cata-exposición de repostería tradicional elaboradas polas familias de Seixalbo.

Están previstas actividades infantís como Busca do Tesouro, Festa da Escuma, Xogos Tradicionais e Andaina Nocturna, para todas as idades, pero que sempre conta cunha animada participación da chavalada.

Esta edición conta cun acto singular e emotivo, como é a descuberta dunha placa homenaxe na casa onde naceu e viviu José Pereira Rodríguez, que foi alcalde de Ourense en 1916-1917.

Destaca un ano máis á representación teatral dunha obra adaptada e interpretada por actores locais, cunha fermosa coreografía de bailarinas tamén da localidade. Neste caso, trátase dunha recreación do Mundo de Oz, na que ven sendo tradicional unha asistencia de catrocentas persoas no Auditorio de Penouzos.

Clausúrase o Seixalbo Cultural 2018 cun concerto do grupo de Seixalbo “Cantigas de Seixo” que se celebrará o domingo 7 de outubro na Igrexa de San Breixo, de incomparable acústica.