Disputarase o 21 de outubro en Parada de Sil.

Inscricións abertas para a XII Carreira de Montaña “Canón do Sil”

A XII Carreira de Montaña “Canón do Sil” desenvolverase en pleno corazón da Ribeira Sacra. A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 21 de outubro en Parada de Sil.

A proba forma parte do Campionato de España de Clubes. No marco desta xornada deportiva desenvolveranse tres carreiras: a XII carreira por montaña cun percorrido de 33 quilómetros, unha carreira media cunha distancia de 17 quilómetros, e outra carreira mini para cadetes de 7 quilómetros. “Trátase da proba decana de Galicia, unha proba dura e de moito prestixio a nivel nacional, de feito xa está xente inscrita de Madrid, Canarias, Baleares, Málaga, Valencia, Euskadi, entre outros lugares”, sinalou o presidente do C. M. Ribeira Sacra de Parada de Sil, Xosé Antón Vázquez, quen asegurou que esperan chegar “aos 300 deportistas na carreira longa”. Os interesados en participar poden inscribirse a través da páxina www.championchipnorte.com ata o 16 de outubro.

A proba, que terá lugar o día 21 de outubro, comezará ás 9.00 horas desde a praza do Curtiñeiro. A alcadesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, lembrou que a proba forma parte das diversas actividades deportivas e culturais que organiza o Concello “para poñer en valor a riqueza das nosas paisaxes e das nosas xentes, así como para fomentar o turismo como motor fundamental do noso desenvolvemento”. Así mesmo, Jácome destacou o “retorno” que supón celebrar este tipo de eventos, “non só no noso municipio, senón tamén en toda a provincia”.