11 quilómetros solidarios para a investigación do cancro de páncreas.

A “Carreira das cidades” chega a Vilamartín de Valdeorras

Chega a Galicia o evento deportivo “Carreira das cidades” contra o cancro de páncreas que ofrecerá aos participantes unha andaina e unha carreira de 11 quilómetros de percorrido, para dar visibilidade a esta enfermidade e conseguir fondos para financiar a súa investigación.

Trátase dunha proba que xa se ten levado a cabo noutras cidades como Las Rozas, Alacante, Terrassa, Roma ou Milán, e que o día 25 de novembro chegará a Vilamartín de Valdeorras, sendo a primeira vez que se disputa en Galicia.

A saída da andaina será ás 10.30 horas e a da carreira será ás 11.30 horas, ambas desde o Colexio Público Xosé Manuel Folla Respino en Valdegodos. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custe de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil, e “todo o diñeiro que se recade irá destinado ao 100% para as becas de investigación de cancro de páncreas”, explicou Belén Gómez. As inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com; ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba.

Asemade, todas aquelas persoas que non participen na proba poden colaborar con esta causa a través do Dorsal 0 en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila 0.