Pon en marcha a campaña “Pasaporte aos teus soños”.

O Concello premia aos clientes do comercio local

O comercio local de Ourense incentiva as compras neste Nadal. Grazas ao apoio do Concello de Ourense que pon en marcha a campaña “Pasaporte aos teus soños”. Esta iniciativa ofrece a posibilidade de gañar viaxes, estancias en balnearios, comidas e ceas ofrecidos polos comerciantes, ás persoas que durante estas festas realicen as súas compras nos establecementos da cidade.
O pasaporte consiste nunha tarxeta que conta con oito casillas que deberán ser seladas en comercios diferentes da cidade, e que se cubrirán cando as compras superen o importe de cinco euros. Unha vez que se teña completamente selado o pasaporte deberá entregarse nun buzón instalado ás portas da casa consistorial -praza Maior-. Os participantes terán ata o 7 de xaneiro para poñer todos os selos ao pasaporte. O sorteo terá lugar o 8 de xaneiro, e a entrega dos premios será o día 10 de xaneiro.

Premios
Os participantes poderán optar a tres estancias no Parque Warner de Madrid; tres fins de semana en balnearios, cortesía de Caldaria; dúas ceas para dúas persoas e unha noite de aloxamento no Hotel Rústico San Jaime (Pereiro de Aguiar) ofrecidas pola propia empresa e seis ceas para dúas persoas en establecementos pertencentes á Unión de Hostaleiros de Ourense.