O candidato fai un chamamento para responsabilizarse no futuro de Ourense.

OueC quere implicar á cidadanía no futuro de Ourense

O candidato á alcaldía por Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, presentou varias novidades con respecto á confección da candidatura de cara ás elección municipais de maio de 2019.
Vázquez, avanzaba que desde o próximo luns (28 de xaneiro) “imos ir, vou ir, barrio a barrio, persoa a persoa, cara a cara, a convidar ás veciñas e veciños de Ourense a ilusionarse co futuro e sumarse para construílo xuntas, cun proxecto político gañador e co mellor equipo de persoas para poñelo en marcha, e demostrar que un Ourense mellor para todas e entre todas é posible”.

O edil pretende “sumar, ensanchar e construír un proxecto político gañador” polo que anima ás veciñas e veciños a “mover ficha, e responsabilizarse no futuro de Ourense”, como cidade “sostible, feminista, ecoloxista, limpa, alegre, vivible, e próxima, onde os coidados ás persoas sexan o primeiro”. O candidato á alcaldía defende “a participación como método, o municipal como escenario de xogo, e a confluencia como instrumento para que gañe o ben común”.

Ademais de buscar a corresponsabilidade das veciñas co futuro de Ourense “sexa cal sexa o modo no que queiran ou poidan colaborar, apoiando dende a distancia, na elaboración do programa ou incorporándose á lista electoral”, as accións de rúa que o grupo inicia a próxima semana, inclúen tamén o habitual programa “A voz do Barrio”, co que “seguiremos cedendo os nosos micros ás demandas das veciñas, e dándolles voz no pleno, para que o alcalde escoite as necesidades que teñen”.

Montserrat Valencia e Miguel Doval, edís do grupo, estarán tamén a pé de rúa, dando conta dos tres anos e medio do grupo na vida institucional, dos que o voceiro valora que “constatamos os graves problemas que ten esta cidade, pero tamén que os poderíamos solucionar case de forma inmediata”, tomando como exemplo as eivas na limpeza ou o tráfico en Ourense, que “só requiren de valentía”.