Será neste primeiro trimestre e terá un investimento superior ao millón de euros.

A Xunta anuncia a licitación das obras de conservación na Ponte Vella

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación neste primeiro trimestre do ano das obras de conservación, humanización e acondicionamento da contorna da Ponte Vella, co obxectivo de poder iniciar os traballos este verán, cun investimento dun millón de euros.

Vázquez Mourelle, a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron o convenio de colaboración que impulsa a materialización da 2ª fase de posta en valor de todo o seu contorno, con intervencións na zona da Capela dos Remedios e no espazo inmediato coa Ponte Vella.

Un proxecto moi importante para facer cidade que, segundo resaltou, busca resaltar a monumentalidade deste espazo emblemático e acrecentar, tamén, o potencial turístico de Ourense como cidade vinculada ao río Miño. Neste sentido, incidiu en que, a pesar de que os traballos se finalizarán moito antes, esta actuación permitirá á cidade das Burgas sumar novos atractivos turísticos e chegar mellor preparada de cara a ese grande acontecemento que suporá para a Comunidade o Xacobeo 2021.

Destacou que esta intervención xorde da suma de esforzos e da coordinación entre Administracións. Deste xeito, a Consellería de Cultura ocúpase da supervisión e aprobación do proxecto e a dirección das obras, o departamento de Infraestruturas da Xunta asume a contratación, execución das obras e o financiamento das mesmas, facilitando o concello os bens e terreos necesarios para a realización da intervención.

Concretou que as actuacións previstas consisten en labores de conservación na propia ponte, mellorando tamén o contorno da Capela dos Remedios, acondicionando e ampliando o acceso á entrada lateral da ermida e substituíndo a varanda.

Indicou que a intervención potenciará, ademais, as conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer, pensado para o desfrute de veciños e turistas. Tamén se habilitará un miradoiro, como novo atractivo turístico da cidade, desde o que poder observar o río Miño, a Ponte Vella e a Capela dos Remedios.

Segundo explicou, para facer máis humano o espazo que ocupa a Ponte e a Capela, e reforzar o vínculo entre estes dous elementos patrimoniais e a monumentalidade do conxunto, se procederá a liberar a zona que hoxe ocupa o parque de skate, construíndo un novo parque no Barrio do Couto. Trátase, subliñou, de acadar así un espazo amplo e aberto que servirá de antesala á Capela dos Remedios e como conexión coa Ponte.