Celebrouse tamén o XV Encontro das confrarías Gastronómicas e Enófilas.

A segunda xornada de Xantar resaltou a Porto e Norte de Portugal

Portugal, país presente desde a primeira edición de Xantar quixo estar tamén moi presente nesta edición especial 20ª aniversario. A cooperación transfronteiriza que marcou sempre este salón, coa presenza desde a primeira edición de cámaras municipais como a de Vila Real ou Braga, viuse reforzada coa aposta da Entidade de Turismo Porto e Norte por este salón. De feito, o seu recentemente elixido presidente (desde o pasado martes), Luís Pedro Martins, elixiu Xantar como o seu primeiro acto oficial e para resaltar a importancia do turismo de proximidade. Cabe destacar que nesta edición de Xantar participan como expositores máis de 30 cámaras municipais do Norte de Portugal ás que hai que sumar a de Azores, ademais dos restaurantes que ofrecen o mellor da gastronomía do país veciño.

Ademais de Porto e Norte tamén o día dedicado á provincia de Ourense; ao concello de Parada de Sil, á cámara municipal de Vila Real, á de Horta/Faial e a Panamá, país que leva tres edicións seguidas participando con restaurante. O acto central do día estivo presidido pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz, quen estivo acompañada polo director xeral do AGACAL, Manuel Rodríguez. Durante a súa intervención neste acto, a delegada territorial indicou que «desde o Goberno galego estamos a traballar na estratexia «Galicia Sabe» de turismo enogastronómico que será a folla de ruta dinámica e aberta que vai marcar por onde debemos avanzar a curto medio prazo, un período no que Galicia se enfronta a importantes retos como a celebración do Xacobeo 2021. Este plan impulsará a competitividade do sector primario galego para seguir facendo de Galicia ese destino que todos queremos, fonte das nosas saborosas materias primas, das que falan os que nos visitan e polas que, ademais, regresan».

E como xa é costume desde hai 15 anos, o xoves de Xantar é o día dedicado ás Confrarías Gastronómicas e Enófilas, estas sociedades gastronómicas realizan un importante labor no referente á recuperación de produtos e pratos tradicionais; á edición de libros, catálogos e receitarios sobre produtos autóctonos; así como á súa gran contribución á conservación da cultura e a tradición gastronómica de vilas e cidades. Neste 15ª encontro participaron máis de 40 confrarías procedentes de España, Portugal, Francia e Ecuador.

Tamén se celebrou o III Workshop de Turismo Gastronómico de Xantar que reuniu en Expourense a 9 operadores de turismo e axencias de viaxes con representantes de turismo dos destinos presentes en feira.

Esta segunda xornada de Xantar 2019 continuou cun intenso programa de actividades no que o tres aulas gastronómicas, nas que participan chefs de 9 países e a aula de cata estiveron ao completo ao longo de toda a xornada. Entre as celebradas destacou o taller para escolares «Ponlle as pilas a teu bocadillo» organizado pola Consellería do Mar e no que a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, acompañou aos nenos e nenas de primaria do Colexio Luís Vives.