Desenvólvense no Centro Valverde.

Accións formativas para persoas desempregadas

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o centro de formación Valverde que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en Allariz e que ao longo do presente curso vén de programar o desenvolvemento de seis accións formativas para desempregados (AFD) nas que está previsto a participación dun total de 90 alumnos en áreas tan diversas como hostalaría, agraria e atención social.

Na actualidade este centro de formación, dependente do CIFP Santa María de Europa da capital, acolle tres cursos AFD. Agricultura ecolóxica, Actividades auxiliares de floraría e Operacións básicas de cociña son as materias ofrecidas nestes cursos. Prevese tamén que proximamente se celebren accións formativas certificables en Servizos de restaurante, Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Actividades de floraría.

Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade, polo que subliñou que a formación de calidade ofrecida nestas actividades, vinculada á obtención de certificados de profesionalidade, pode ser determinante de cara á inserción laboral dos participantes. “Unha das principais vantaxes da programación de cursos AFD é que as entidades promotoras axudan a confeccionala de acordo coas demandas de emprego que detectan no seu entorno”, indicou.

O centro Valverde foi o primeiro en funcionar en Galicia compartindo nas súas instalacións unha vivenda tutelada cun centro de formación para o emprego. Así, aparte dos alumnos seleccionados entre os demandantes de emprego tamén poden participar nestas actividades formativas os menores tutelados que viven no centro.

Ademais, o inmoble tamén acolle unha oficina para o asesoramento e a avaliación da acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.