A obra poderase visitar ata o 9 de xuño.

Ali Ali presenta “Eclipse Siria”, no centro cultural “Marcos Valcárcel”

O pintor Ali Ali mostra os horrores da guerra nunha impactante e dramática exposición, “Eclipse Siria”, no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense.

“Eclipse Siria” amosa, cunha estética escura e abrupta, os desastres e as inxustizas que aínda están a perpetrar en Siria e en moitos países en guerra. “Eclipse Siria”, que se expuxo por primeira vez no Palexco da Coruña no ano 2017, ten carácter itinerante porque o seu obxectivo é “concienciar ao maior número de persoas posible de que esta guerra non rematou e que destrúe lugares e persoas”, explicou Olga Pastor.

Ali Ali é un artista sirio afincado na Coruña desde o ano 2003 a quen a guerra, ademais de impedirlle volver a Siria desde o 2011, levouno a un rotundo cambio de temática e de paleta de cores no seu estilo. Este cambio de estilo tamén se aprecia en “Eclipse Siria”, que recolle obras súas de antes da guerra centradas en lendas e en historias da tradición oral árabe como é caso do libro de artista máis grande do mundo, “Suleiman y Salúa”, unha rareza editorial que Ali realizou en colaboración co escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval, explicou a comisaria da mostra. Trátase dun libro realizado con anterioridade á guerra e que mostra o contraste de color e temáticas do artista ao longo do tempo.

Ademais, os que visiten esta exposición terán a oportunidade de ver, entre outras moitas, a emotiva obra “Mi madre”, un collage con pintura e fotografía onde a nai do artista se presenta en primeiro plano cun fondo que non da tregua: unha cidade destruída polas bombas e o caos. O “Carrusel”, díptico monumental comunicado por un icona infantil onde se representa a cultura destruída por tanques tridimensionais; “Francotirador”, a obra que mestura elementos de estética naif coa realidade máis cruel; e o vídeo da instalación “Sepulcro”, onde lembra a tódalas persoas que perderon a vida nos conflitos bélicos de toda a historia. Tamén nesta exposición hai un espazo dedicado aos gravados, “obras costumistas e que falan da ditadura que aínda terminou peor, nunha guerra civil”, dixo Olga Pastor, quen explicou que a distribución das obras no centro cultural pretende mostrar, sobre todo, a dor humana.