Ofrecen os mellores prezos e todas as garantías.

O II Car Outlet Ourense contará con 16 concesionarios oficiais

As mellores oportunidades do mercado do vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais. Isto será o que ofrecerá o II Car Outlet Ourense. Celebrarase no recinto feiral a vindeira fin de semana, do 10 ó 12 de maio.

Un total de 22 marcas estarán representadas a través dos 16 concesionarios acollidos a A.C.A.U.T.O. que participarán como expositores. Trátase dunha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán máis de 300 coches con ofertas moi especiais.

O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.

A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 6 anos, e prezos de poucos miles de euros, aínda que o “vehículo tipo” nesta cita será o do mercado de ocasión en España, isto é, un coche que ronda os 13.000 euros, con 15.000 kilómetros de media, e que conta con ata cinco anos de antigüidade (segundo datos da Federación de Asociacións de Concesionarios, F.A.C.O.N.A.U.T.O.). Os datos indican que a segunda man é xa a primeira opción de compra en Galicia e que durante o primeiro trimestre do 2019 por cada coche novo vendéronse na nosa comunidade case tres de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón se converte nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo.

O II Car Outlet de Ourense presenta seminovos, xerencia e kilómetro cero que contan con inmellorables condicións, xa non só no prezo (con descontos de ata o 50%), senón tamén de financiamento, seguros (co “a todo risco” de agasallo en moitos casos), outros servizos engadidos, e, por suposto, coa garantía dun concesionario (de ata 5 anos ou máis).

Oferta moi ampla na que poden atoparse numerosos vehículos que representan os catro eixos do mercado de ocasión: os kilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); vehículos de servizo (demostración ou cortesía) con antigüidade de ata 1 ano e con 15.000 kilómetros de media; seminovos (ata 5 anos de froito de renting empresarial ou operacións financeiras con garantía de recompra); e o de ocasión (que foi empregado por un particular e entregado no concesionario a cambio doutro).

O horario de apertura do salón será venres 10 de 11.00 a 20.30 h., sábado 11 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 12 de maio de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 2 euros sendo gratuíta para os menores de 12 anos.