É un programa gratuíto de formación dixital destinado a persoas desempregadas entre 18 e 30 anos.

‘Progresa dixitalmente’ en La Molinera

O centro de coñecemento La Molinera ofrece, durante o mes de maio, formación para o mundo da empresa a través da rede. A actividade estrela do programa é ‘Progresa dixitalmente’, unha actividade formativa baseada na rede social Facebook para persoas de entre 18 e 30 anos (terán prioridade as desempregadas) que desexen mellorar as súas competencias actuais ou adquirir novas ferramentas para o éxito profesional ou persoal dentro da economía dixital, e que se imparte por primeira vez en Galicia da man do Concello de Ourense.

‘Progresa dixitalmente’ será impartido por Gdoce en colaboración coa Concellería de Emprego e Promoción Económica os días 14, 21, e 28 de maio en horario de 16 a 20 horas nas instalacións de La Molinera.

A formación será presencial, dentro dun proxecto que chegará a 12.500 persoas en toda España, e adaptada a cada participante: quen posúa aptitudes avanzadas poderá aprender competencias dixitais de maior nivel, mentres que outras persoas poderían aprender competencias dixitais básicas. Para garantir os obxectivos de formación, haberá un formador por cada grupo de 30 participantes. O programa de formación basearase en seis módulos dos cales se impartirán 3 unidades de formación en cada un dos eventos.

Os eventos terán unha duración total de 4 horas que se estruturarán en bloques de 70 minutos con descansos entre cada un, de maneira que se poidan programar nunha soa xornada de tarde facilitando así a conciliación con calquera horario.
Máis información e inscricións, en www.lamolinera.net.