O castelo de Monterrei e os mosteiros de Santo Estevo, Oseira e Celanova serán os lugares onde actuará.

Carlos Núñez, de xira por Ourense coa xira “Lugares máxicos”

O gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá este verán na provincia de Ourense catro concertos. A xira “Lugares máxicos” percorrerá os escenarios do castelo de Monterrei e os mosteiros de Santo Estevo, Oseira e Celanova.

Sobre a xira, Carlos Núñez dixo sentir algo especial nestas actuacións “porque con elas estamos a facer tradición, algo que vemos que está a volver á xuventude de hoxe en día, o tradicional, un aspecto que Galicia, e sinaladamente, Ourense pode liderar en toda España”. O músico dixo que o gran tesouro que temos na nosa terra “é que mantemos vivas as tradicións e o noso patrimonio histórico” e con elo “dámoslle vida ao rural, levando música a lugares marabillosos”.

Datas
A xira na provincia de Ourense comeza o 25 de xullo, no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, continuando o 27 de xullo no mosteiro de Oseira; o 3 de agosto no castelo de Monterrei; e remata o 12 de agosto no mosteiro de Celanova.