Os días 2, 3 e 4 agosto terá lugar a “Festa do Pemento da Arnoia”

Arnoia cítase cos pementos

A “Festa do Pemento da Arnoia” chega este ano á súa 40ª edición, na que os organizadores prevén superar a cifra de dez mil visitantes e un consumo de máis de 3.200 quilos de pementos.

Na presentación, o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, salientou que esta festa iniciouse 1980 “co obxectivo de promocionar o pemento de calidade que se producía na Arnoia, e a excelente acollida que tivo fixo que a festa se convertese nun referente gastronómico, declarada de Interese Turístico Galego, e que este produto acadase en 2013 a distinción de ser amparado pola Indicación Xeográfica protexida (IXP) “Pemento da Arnoia”, expresou Rosendo Fernández.

O alcalde da Arnoia salientou que este ano, con motivo de cumprirse os corenta anos da festa “contamos cun programa potente, onde as actividades gastronómicas, turísticas, culturais, deportivas e automobilísticas son as protagonistas”, destacando como novidade a presentación da primeira anada dun licor elaborado a base de pemento da Arnoia, e remarcando que todo isto é posible “grazas a cooperación e máxima implicación dos veciños”.