A cidade de Ourense será este venres o centro neurálxico da actividade que organiza a Xunta de Galicia a través do Xacobeo.

“Vive o Camiño” chega a Ourense

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, acompañada pola concelleira de Turismo en Ourense, Flora Moure, presentou no Liceo as actividades programadas para esta fin de semana en Ourense, Vilamarín e San Cristovo de Cea no marco de Vive o Camiño, o programa impulsado pola Xunta co obxectivo de dinamizar e poñer en valor o patrimonio xacobeo da Vía da Prata.

Na cidade de Ourense, tal e como explicou Cecilia Pereira, as actividades darán comezo ás 11 horas cun paseo por dous enclaves do Camiño ao seu paso pola cidade: O Posío e As Burgas. “É unha oportunidade para a descuberta do patrimonio local da man dun ambientólogo e dunha guía experta”, engadiu a comisaria.

Xa pola tarde as actividades continuarán no Liceo, onde ás 18 horas Gerson Iglesias, de Cociña Ourense, ofrecerá un showcooking no que os participantes poderán degustar escuma de queixo do país, chourizo e fume, orella acaramelada á feira e pataca, así como castañas con leite e licor café. Este evento contará con entrevistas a convidados e o público terá a oportunidade de degustar todas as preparacións de Gerson Iglesias.

Tamén pola tarde levaranse a cabo dous obradoiros: un dirixido a persoas adultas que baixo o título de Memorias de Prata permitirá afondar na riqueza do patrimonio da zona e outro Xogando coa natureza deseñado para a cativada. Ambos terán lugar no Liceo e serán ás 17 e ás 18 horas, respectivamente.

As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades, gratuítas pero con necesidade de inscrición previa, poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.