O Concello traballa nun formato de Festas de Ourense adaptado á nova realidade xerada pola pandemia.

A cidade de Ourense quere adaptar as súas festas á nova realidade

A Concellería de Cultura do Concello de Ourense traballa nun novo formato para a celebración das Festas de Ourense 2020, no vindeiro mes de xuño, adaptado á nova realidade xerada pola pandemia do COVID-19, e ás restricións que esta impón.
“Estamos pendentes do horizonte que se nos marque”, asegura o concelleiro de Cultura, Mario González, “pero queremos facer unha adaptación das festas á situación que estamos a vivir, e animar a xente pero tendo en conta as normas que nos veñen marcadas de seguridade”. Entre elas, a imposibilidade de organizar actividades, como concertos que reúnan máis de 4.000 persoas.

Neste senso, a pandemia obrigou a cancelar unha chea de propostas de actividades organizadas polo Concello que estaban previstas para as pasadas semanas e as próximas, caso do Festival de Música Sacra, da próxima Festa dos Maios, que o Concello prevía estender a catro días de actividades culturais para potenciala como celebración singular da cidade, do Día das Letras, para a que se prevía unha semana de actividades, ou da convocatoria de novos certames literarios, o Concurso de relatos Nós.