A rotonda que enlaza a rúa Nosa Señora dá Saínza e a Avenida de Zamora será transformada nun espazo verde singular para honrar o labor de cada un dos profesionais sanitarios da cidade.

O Concello de Ourense dedicará unha glorieta en honor do persoal sanitario que cada día traballa por erradicar a pandemia do COVID-19

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, dedicará unha glorieta na honra do persoal sanitario de Ourense, que está cada día á beira dos seus veciños, coidándoos e axudándoos a superar esta pandemia.

“Aos profesionais da sanidade do noso país pedímoslles unha vez máis un esforzo superior e responden sen dubidar, con extraordinaria dedicación e profesionalidade”, indica o tenente de alcalde de Ourense, Jorge Pumar. “Por este motivo decidimos dedicar esta glorieta ao labor de todos e cada un deles, e converter este espazo nun recordatorio de gratitude a quen nos axudou cando máis o necesitabamos. É un xesto que se queda pequeno ante o inmenso esforzo realizado por estes profesionais aos que tanto lles debemos”, afirma Jorge Pumar.

A elección da glorieta non é aleatoria: foi seleccionada por ser un nó de comunicación da cidade, con gran afluencia de tráfico e con panorámica do CHOU, epicentro da loita contra o COVID-19, pero tamén próxima a varias residencias da terceira idade e centros de atención a persoas con discapacidade. Desta forma, lembra Jorge Pumar, “a homenaxe faise extensible ao conxunto de profesionais do sector sanitario que coidaron e protexeron aos colectivos máis vulnerables da crise”.

O recoñecemento corresponde tanto ao labor dos traballadores do CHUO como ao resto do sistema sanitario ourensán: persoal de ambulancias, atención médica a domicilio, atención en PAC ou dos centros de saúde, persoal das residencias da terceira idade… A Concellería tamén desexa estenderlle o recoñecemento ao equipo que atende a axuda a domicilio e a todos os que loitan para tratar de frear a expansión desta enfermidade.

A glorieta será reestruturada con temática sanitaria, que lembrará a toda a cidade, nun futuro, o esforzo e traballo extraordinarios de todos e cada un dos membros deste sector, do que toda a cidadanía sente orgullosa e así o demostra cada día ás oito da tarde.