Escolares de todas as idades poderán presentar os seus traballos até o 25 de setembro.

O Concello convoca un concurso de relatos e poesías que convida o alumnado ourensán a darlle expresión artística ás súas vivencias durante o confinamento

A Concellería de Educación do Concello de Ourense convida o alumnado dos centros educativos da cidade a desenvolver a súa creatividade literaria durante este período de confinamento pola pandemia. Para isto, convoca o I Certame Literario “Sementeiro de historias: a corentena 2020”. Está dirixido a alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Medios e Superiores, que terá que presentar traballos que conten as experiencias vividas nesta etapa, historias reais ou ficticias, en prosa ou verso.

As obras deben presentarse en formato PDF a través do correo electrónico: educa.programas2@ourense.es. As persoas interesadas poderán consultar as bases nas páxinas web do Concello de Ourense www.ourense.gal e da Concellería de Educación www.educacionourense.com

Promover espazos alternativos educativos e culturais
A Concellería de Educación pretende promover nos fogares ourensáns espazos alternativos educativos e culturais como medida para contrarrestar o impacto negativo causado polo COVID19 e darlle a rapazada a oportunidade de aproveitar o tempo libre na casa, neste caso, promovendo a escrita nestes tempos de corentena.

As obras deberán ser individuais, inéditas e orixinais escritas en prosa ou verso, en galego ou castelán, e non exceder de 1.000 palabras. O prazo estará aberto até o 25 de setembro ás 14 horas.

Outorgaranse catro premios na modalidade de narrativa, que consistirán en lotes de libros, un para os cursos 1º a 3º de Primaria, outro para 4º a 6º de Primaria, outro para ESO e outro para Bacharelato e Ciclos Formativos. Tamén haberá dous premios, consistentes en lotes de libros, na modalidade de poesía: un para Primaria e outro para ESO. Bacharelato e Ciclos Formativos. O xurado estará formado por profesorado dos departamentos de Lingua Castelá, Galega e Literatura dos centros educativos e persoal do Concello.