Na xunta de portavoces, o alcalde trasladoulles aos grupos da oposición a folla de ruta a seguir e espera as achegas que poidan facer.

Goberno e oposición analizan o borrador das bases para axudas a autónomos, pemes e comercio

Os portavoces dos diferentes partidos políticos representados no Concello de Ourense, convocados polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no pasado pleno extraordinario do xoves, 30 de abril, analizaron o borrador das bases para a concesión de axudas a autónomos, pemes e comercio, así coma outras cuestións relacionadas con medidas para a recuperación económica debido á situación de alarma pola COVID-19.

Na xunta, que contou coa presencia de Flora Moure (PP), Miguel Caride (Democracia Ourensana), Rafael Villarino (PSOE), José Aráujo (Ciudadanos), e Luís Seara (BNG), entregóuselles o borrador das bases de axudas, que será obxecto de estudo por parte dos grupos da oposición, para o que se convocou outra reunión o vindeiro venres 8 de maio, ás 9:30 horas no salón de plenos, coas pertinentes medidas de seguridade. Será nesa reunión na que os grupos da oposición trasladarán ao goberno as súas propostas.

Deste xeito, establécese para a xunta de portavoces unha orde do día na que se abordarán a concreción das bases de axudas a autónomos, co obxecto de proceder a súa aprobación canto antes e acurtar os prazos, así como analizar os listados de obras a realizar. Por último, tamén se abordarán todas aquelas propostas relacionadas co proceso de escalonamento da situación de alarma que afecta a varios sectores económicos, algúns deles cunha importante repercusión.

Tanto o goberno coma os grupos da oposición valoran positivamente que se celebren estas reunións, que queren pór enriba da mesa determinadas propostas de actuación para contribuír á recuperación económica, pero sen esquecer a necesidade de garantir a seguridade sanitaria dos cidadáns.