O alcalde entende que a medida é viable, xa que os peóns poden cambiar de sentido a través das pontes que existen nesa zona.

O Concello acorda que o paseo fluvial do Barbaña sexa de sentido único para evitar aglomeracións

O Concello de Ourense acordou que dende o martes, 5 de maio, o paseo fluvial do Barbaña sexa de sentido único, polo que se procederá á colocación de valados e se lle recomenda aos cidadáns que utilicen para poder pasar dun lado a outro as pontes que se atopan moi próximas. Como norma xeral, deberase transitar deixando o río á esquerda. É dicir, se camiñamos cara ao pazo dos deportes Paco Paz, deberémolo facer pola marxe dereita; e se camiñamos desde alí cara ao Posío, pola esquerda, como se tratase dunha vía de tráfico.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, considera que se trata dunha medida para evitar aglomeracións, aínda que pon de manifesto que en Ourense “non existen aglomeracións coma noutras cidades”, ao esgrimir que “contamos con moitas zonas peonís e paseos fluviais, a diferencia doutras urbes, que si deben habilitar espazos para evitar aglomeracións”.

En canto ao Paseo das Ninfas, o rexedor entende que non se pode implantar nel a medida do paseo do Barbaña, toda vez que para cambiar de sentido débense percorrer polo menos 10 quilómetros, de aí que “non sexa viable o sentido único”. Pero máis aló destas medidas, o que lle recomenda o alcalde aos cidadáns é que se sigan as recomendacións que se concretan no Real Decreto de situación de alerta pola COVID-19, e dese xeito evitar unha concentración de persoas en determinadas zonas da cidade.