Un decreto de artesanía alimentaria pon en valor os produtos do agro e do mar.

Para protexer os produtos feitos de xeito tradicional a Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o Decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, que elaboraron as Consellerías do Medio Rural e do Mar para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran dunha maneira tradicional. Así, como para protexer os seus produtores.
Esta novidosa norma (que entrará en vigor dentros de seis mesese -para o 10 de agosto-) especifica o que é unha produción artesanal, buscando evitar que se empregue de maneira impropia este termo ou outros similares como “caseiro” ou “feito na casa”.
Tamén regula o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar inscritas todas as empresas implicadas. O rexistro dependerá da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, así como xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o esforzo da Administración beneficie aos profesionais do sector.

Condicións técnicas
O novo decreto regula as condicións técnicas específicas necesarias para que unha produción alimentaria sexa artesanal. Así, establece que os procesos de elaboración deben ser tradicionais, que a presentación dos produtos debe ser senlleira para mostrar a súa calidade diferenciada e que se ha de respectar en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción.
Son 16 os grupos de produtos, entre outros: os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitaría.
A Consellería do Medio Rural traballa, xunto aos interesados, na elaboración das normas técnicas específicas. A intención e ir aprobándoas por orde, sendo primeiras as que teñan maior repercusión en Galicia, polo seu número de profesionais implicados e polo volume de produción.

Requisitos
Os produtos artesáns deben estar elaborados (segundo as normas técnicas) con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais quedando o uso doutros aditivos suxeito a importantes restricións. Tampouco se poderán empregar graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco.
En canto á utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Por outra banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, respectando o indicado en devandita norma.
Tampouco se admitirán, co fin de garantir a intervención persoal do artesán no proceso, reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto comercial que non sexan as da empresa artesanal responsable do produto, nin se admitirá tampouco a utilización de marcas que non lle pertenzan.

Identificacións
Ademais da denominación xenérica “Artesanía Alimentaria”, o decreto establece outras dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto. Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña serán os elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea. Mediante unha orde da Consellería do Medio Rural de próxima publicación aprobaranse os logotipos que identificarán tanto os “Produtos artesáns” en xeral como os “Produtos artesáns caseiros” e os “Produtos artesáns de montaña”.