Día das Letras Galegas

Carvalho Calero, erguendo un facho no arco da vella

Se cadra, fixéronche o aniversario porque pensan que morriches, xa sabes que en vida non quixeron tratar contigo, tiñan outras máis fachendosas, avergoñábanse de ti. Es a parente probe, que despois de morta, fanche as gabanzas para quedar ben e que non os critiquen os veciños.

Agora adícanche cabodanos dabondo, honras a cachón, ata louvan o boíña e agarimosa que es, namentres non esmoreza o día. Cando entre lusco e fusco agroma a noite, sotérrante outra vez, levan con presas á sepultura o teu cadaleito, póñenlle unha lousa inxente enriba, víranse de costas e arrincan para onde as súas candongas, emporcállanse con elas cheos de luxuria, co desexo e a saudade reprimidas buscando os seus bicos traizoeiros.
Ríanse de ti cando enchías de cantigas as leiras e as congostras, cando os meniños te mamaban como a leite dos peitos da súas naiciñas.

Impedida e prohibida, magoada e mancada, maduraches como as cereixas de San Xoán derreténdote doce nas gorxas, esmagando a fame e a sede da liberdade.
Seica os outros días sácante ás prazas a bailar, atada cunha cadea ao pescozo na cima dunha escada, como se foras a cabra domesticada coa que o xitano esperta aos veciños da vila nas mañás dos domingos, tócanche algunha muiñeira para aparentar que lles importas e liscan como foguetes a poñerche os cornos, despois, iso si, de recolleren unha a unha as moedas que tiran dende a fiestra os veciños, esmolas noxentas que se volven responsos do ultraxe, cos que cada día che fan un novo funeral.

Pero non deixaremos que te maten, por moitos proxenetas que te vendan, ti naciches como a herbiña nos camiños, papouliña delicada, es unha lavandeira e unha rula, es unha pega nun carballo, es unha orballada cada noite que lambe con dozura a nosa alma.
Sen ti nada somos, por iso medrarás nas cañotas, xenos novos naceranche, botarás lonxe as cadeas, xurdindo do pobo cativo, dos ameneiros e dos vidos, como unha uz dura que medra entre as carqueixas no Coto das Casas, no monte de Ribas do Asneiro.

Contigo soñarán de volta os nenos, os mozos farán novas cantigas, resoarás nas leiras e nas vilas, nas cidades pasearás polas rúas erguida no alto como un facho que aniñou no Arco da Vella, reflectindo con lume dourado a promesa das mil primaveras, cando vexas ese arco, lembra: «a nosa lingua sempre estará viva mentres un galego queira».
Este ano fixeron xustiza co amigo Ricardo, o Carvalho Calero, como a ti lingua querida, quixérono domear primeiro, esquecer despois, e adiar de ano en ano. Un dia das Letras Galegas, asemella pouco e tarde para quen tanto loitou, para quen tanto ensinou, para quen tanto creou afogando entre as augas do Ferrol e os anceios do porvir, pendurando en soños as cores da liberdade da Terra que amou.

Xa sei que o sabes papá, ti dende que te fuches estás ao tanto de todo, sempre dicías que o galego non morrería mentres os galegos o falaran, pero agora que temos liberdade para facelo é cando corre perigo, ti xa o dicías sempre, que o mellor é poñer en obra o que se pensa, deixarse de andrómenas e traballar, por iso escribín isto para ir poñendo aínda que so sexa un grauciño, pequeniño como unha bolboretiña.