Publícase na súa web as persoas e documentos que se deben achegar.

O Concello deixa ata o 28 de agosto o prazo para subsanar fallas na documentación para axudas de libros

A Concellería de Política Social publica hoxe na páxina web do Concello un requirimento de emenda para que as persoas solicitantes do programa de axudas de libros e comedor escolar do curso 2020-2021 poidan subsanar as fallas atopadas na documentación que presentaron durante a xestión destas axudas. Por este motivo tamén publica nesta páxina web a relación das persoas solicitantes e a documentación que precisan para que as súas solicitudes estean correctas.

Disporán,  corrixir os erros e achegar a documentación solicitada, a través do Rexistro Xeral do Concello, ata o venres, 28 de agosto.

No caso de non facelo neste prazo, teráselles por desistidos da súa petición cos efectos previstos no artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A convocatoria das axudas foi aprobada pola Xunta de Goberno Local do Concello na súa sesión de data 29 de maio e está dotada cun orzamento de 294.250 euros (25.000 para axudas a libros de texto e material escolar e 269.250 euros para comedores escolares).