Para adaptarse ás medidas adoptadas pola COVID-19.

Xinzo cede á Xunta de Galicia máis dunha ducia de aulas e outros centros municipais para o inicio do curso

O Concello de Xinzo ofrece á Xunta de Galicia máis dunha ducia de aulas para facilitar os desdobres de cara ao inicio do curso. A maior parte (10) atópanse na Casa da Cultura e xa foron revisadas polos arquitectos municipais. O resto están nas instalacións municipais usadas agora para ensino musical. Ademais, o Concello porá a disposición da Consellería de Educación todos os centros socias do municipio, distribuídos nas diferentes parroquias, algúns dos cales xa foron no seu día escolas unitarias.

A alcaldesa, Elvira Lama, asegura que o Concello fará todo o que estea na súa man para poñer a disposición da Xunta todos os espazos dispoñibles para facilitar o comezo do curso en tempo e forma, pero ao mesmo tempo considera que a administración autonómica ten que facer pola súa banda “a parte dos deberes que lle corresponde, pois é quen ten todas as competencias en materia educativa”.
Agora ben, Lama considera imprescindible, e así llo fai saber á Xunta, un “acordo orzamentario para que asuma os gastos excepcionais dunha volta ao cole completamente excepcional”. É sabido que os concellos fanse cargo dos gasto de mantemento dos centros escolares, pero neste caso duplicados ou triplicados, especialmente os de limpeza.

Coa situación derivada do Covid-19 e co protocolo unilateral elaborado polas consellerías de Sanidade e educación, o Concello de Xinzo terá que poñer a disposición dos centros a unha única persoa para realizar as tarefas de limpeza e desinfección ata tres veces dentro do horario lectivo. Isto afecta aos CEIPs, pero tamén á gardería infantil, ao conservatorio, ás aulas de formación profesional e a escola de gaitas. Segundo os cálculos realizados pola Concellería de Educación, que dirixe Alberto Martínez, isto vai supoñer máis de 100.000 euros por curso.

Por elo, Elvira Lama insiste na súa misiva na imperiosa necesidade de crear un paquete económico por parte da Xunta para financiar estes gastos, lembrando ademais que precisamente recibiu un fondo de Estado de 100 millóns de euros para organizar a volta á escola.
Esta carta chegará á Xunta de Galicia despois de que todos os grupos da Corporación local aprobasen no último pleno unha moción conxunta na que xa lle pedían “dotación económica suficiente para poder dispor de persoal e materiais dedicados ás tarefas de limpeza, desinfección e mantemento que se marquen no Protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitario do noso Concello”.