A organización deseñou un completo protocolo anti-Covid.

A quinta edición do FIC Vía XIV trae a Verín 39 curtas a concurso

A quinta edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín arrinca este sábado, 5 de setembro, e prolongarase ata o vindeiro 13. Serán oito días nas que a maxia do cinema e un bo número de actividades paralelas relacionadas directa e indirectamente con este ámbito encherán de cor e vida o Auditorio, espazo central no que se desenvolverá o certame.

O FIC Vía XIV 2020 foi presentado esta mañá no Auditorio de Verín nun acto no que participaron o alcalde da vila, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura, Emilia Somoza; a deputada provincial, Ana Villarino e o director do festival, Carlos Montero. Durante a presentación o alcalde de Verín puxo en valor que a organización do Festival “ten deseñado un protocolo de seguridade, tendo en conta o contexto sociosanitario actual” e fixo un chamamento a todos e a todos a “cumprir as normas e esixencias que se implementarán neste sentido”.
Pola súa banda, a concelleira sinalou que “malia a situación actual, a cultura non debe deterse” e destacou a singularidade do FIC Vía XIV como “un dos motores culturais de Verín, plenamente asentado na axenda de ocio e lecer da vila”.

Actividades paralelas
Entre as actividades paralelas máis significativas destaca, por exemplo, a visita do actor Luis Zahera, recentemente premiado cun Goya ao Mellor Actor de Reparto por El Reino. Departirá co público o venres 11. Ao longo da semana sucederanse, ademais, actividades diversas e estreas como a dos documentais Entroidar e Hijas de Galicia, Macorinas.
Xunto a isto, o humor de Frei Chitín non deixará a ninguén indiferente na tarde-noite do luns e a Banda de Gaitas Nova Era de Verín, presentada por Pepe Coira, porá este domingo música á curta O carro e o home. O Festival Convidado será o Play-Doc de Tui e tamén se poderá ver en Verín o documental realizado por tres mozos da vila que percorreron en autocaravana a distancia que separa a nosa Galicia da Galitza de Polonia e que leva por título Caminos de Tierra.

No plano concursal participan 39 curtas dunha vintena de nacionalidades, coidadosamente seleccionadas no marco das catro categorías habituais do FIC (Horizontes, A Raia, Nova e Outra Mirada). Moitos dos traballos que se poderán ver en Verín veñen xa de obter distincións en premios en foros de renome nacional e internacional.

Un exemplo disto constitúeo a curta Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, programada na sección oficial do FIC deste ano e que vén de obter a Biznaga de Prata Premio do Público no Festival de Málaga á mellor curtametraxe e mención especial do xurado na sección oficial de curtas de ficción. Tamén Carne, de Camila Kater, que poderá verse en Verín estes días, obtivo unha Biznaga de Prata á mellor curtametraxe documental.
Tamén poderán verse en Verín, dentro da categoría Outra Mirada, traballos documentais de autores locais tales como Feitizo ou Fachucos.

Pantalla e streaming
Entre as principais novidades que se acometen este ano na V edición do Festival, destaca a habilitación dunha pantalla na praza Maior de Verín para poder seguir algunhas das actividades paralelas, que tamén se emitirán a través de streaming.

Protocolo anti-Covid
Dende a organización do FIC Vía XIV, porase en marcha ademais un protocolo con medidas preventiva fronte á Covid-19 de cara a esta edición do certame, que inclúe desinfección rigorosa de espazos tras cada actividade. Habilitaranse tamén dispensadores de xel hidroalcólico para que poidan ser empregados polos asistentes e o aforo de butacas garantirá o cumprimento da distancia social requirida. Axeitarase, neste sentido, o aforo do Audiotiro á distancia de seguridade e reduciranse localidades.
Xunto a isto, o acceso e desaloxo de espazos efectuarase de xeito progresivo e controlado polo persoal de acomodación do certame. Paralelamente, marcaranse diferentes zonas de acceso e saída para acudir a actividades evitando así a aglomeración de persoas e non se repartirán trípticos, folletos ou programas de man en formato físico.