No ano 1956 o xeofísico M.K. Hubbert elaborou unha proxección a futuro do momento no que a produción de petróleo no mundo empezaría a reducirse pola súa escaseza e pola crecente dificultade para a súa extracción. O seu modelo situaba o cénit petroleiro no ano 2000 aproximadamente.
A realidade foi un pouco mais optimista e segundo outros analistas como Antonio Turiel o pico petroleiro comezou no ano 2008 e agora estaríamos no comezo da fase de declive.
É importante identificar que o pico petroleiro non significa que haxa menos xacementos petroleiros no planeta. Estímase que pode haber petróleo e derivados para os vindeiros 200 anos. O pico petroleiro fai fincapé na dificultade da súa produción, elevando os custes enerxéticos, económicos e medioambientais da extracción mentres a sociedade mal chamada desenvolvida segue a esixir a súa enorme dose de barrís diarias.
O científico físico e matemático Antonio Turiel, no seu blogue “The Crash Oil” explica moi claramente esta diferencia entre existencia e capacidade de extracción co exemplo do vaso de auga. Imaxinade que tedes sede e queredes beber un vaso de auga dispoñible. Hai catro opcións:
Opción 1: Hai un vaso cheo de auga. Un cólleo e bébeo. Iso é o que fixo o mundo co petróleo desde o século XIX ata 1970.
Opción 2: A auga está derramada sobre unha superficie lisa. Un colle unha palliña e, con máis esforzo que no caso anterior, acaba conseguindo beber a auga. Iso é o que fixo o mundo co petróleo desde 1970 ata o 2000.
Opción 3: A auga está mesturada con area. Un ten que quentar a area, condensar a auga que se evapore e que acabe por un alambique no vaso, e logo ten que esperar a que se arrefríe. O proceso non é perfecto, parte da auga nunca se evapora e parte pérdese, así que se recuperan 2/3 do vaso orixinal. Ademais, o proceso é lento e xera moita calor, así que cada vez se ten máis sede e ese proceso non lle sacia. Iso é o que fixo o mundo co petróleo do 2000 ao 2010.
Opción 4: Non hai auga líquida, pero un sabe que a pode condensar do aire. É un proceso moi lento e ineficiente. O problema é que un ten que seguir bebendo e a humidade relativa da habitación vai baixando. Aínda queda moita auga no aire, pero cada vez extráese máis lentamente. Poderíase construír algún mecanismo para “secar todo o aire”, pero realmente non existen os recursos para facelo, así que hai que conformarse co que hai. Iso é o que está a pasar co petróleo desde 2010.
Actualmente temos unha mestura das 4 opcións pero a medida que pasa o tempo vánsenos esgotando os xacementos sinxelos e van quedando cada vez os máis complicados.
A descrición gráfica, na seguinte ligazón: https://crashoil.blogspot.com/2020/09/visual-thinking-explicando-el-peak-oil.html
Óscar Blanco