Incorpora un sistema de “espiga invertida” para favorecer a seguridade.

Nova sinalización horizontal na rúa Francisco de Añón, en Vistafermosa

O Concello de Ourense dotou de nova sinalización horizontal as prazas de aparcamento da rúa Francisco Añón Paz, no barrio de Vistafermosa, incorporando un novo sistema denominado “espiga invertida” elixido pola súa idoneidade para este espazo, caracterizado por un alto nivel de uso pola proximidade de vivendas e locais de hostalaría.

Ata a data, as prazas de aparcamento en Ourense estaban pintadas para aparcar en liña ou en batería, co eixo frontal cara á beirarrúa. Porén, os técnicos municipais, a proposta do concelleiro de Seguridade Telmo Ucha, implantaron este sistema xa coñecido noutras cidades. Os vehículos aparcan ao contrario que en batería: marcha atrás cara ás beirarrúas. Isto esixe sinalizarlles antes a manobra aos que circulan detrás, para deixar o coche coa parte dianteira no sentido da circulación.

A nova sinalización dota tamén espazos de aparcamento no carril de central, neste caso para entrar de fronte, co que o condutor sempre ten visible o carril de peóns que comunica cos pasos peonís. Telmo Ucha solicitou adoptar esta medida aproveitando as obras que o Concello está a realizar no barrio. Explica que este tipo de aparcamento xera moitas vantaxes: “os vehículos que retoman a marcha desde os aparcamentos laterais teñen mellor visibilidade no sentido da circulación, evitando accidentes e atropelos cando se dá marcha atrás».

Tamén para descargar o maleteiro, que quedará case sempre xunto á beirarrúa, non na estrada, e fai máis segura a baixada dos nenos do coche, pois terán o freo das portas para camiñar sempre cara á beirarrúa, sen o perigo de que saian á vía de circulación. Tamén supón, engade Ucha “un aforro de superficie do 10% en cada praza polo tipo de manobra necesaria”.
Ademais, hai zona para motos e prazas reservadas para persoas con discapacidade, todas amplas e seguras.

En todo caso, “o prioritario non é a cantidade, senón a calidade”, advirte o concelleiro de Seguridade: «de pouco vale ter moitas prazas se é imposible baixarnos do vehículo unha vez estacionado, como ocorre ao final de Valle Inclán”, un lugar onde, avanza, “haberá que tomar de inmediato medidas para corrixir o seu pintado».

O Concello realizou os traballos de pintado a pasada fin de semana en horario nocturno para ocasionar as menores molestias posibles. Durante estes días «rebaixaranse as beirarrúas, acabarase de pintar, habilitaranse os espazos de cargas e descargas para gozar do barrio e da súa contorna sen a preocupación.