Desde a Ponte... a Monterrei

O Museo

Cando o Nadal asoma, xurde de súpeto a máxia, e sentímonos nenos outra vez. Daquela no inverno, tempo de gorro e manoplas tecidas pola avoa en tardes de outono, a escola deixábanos ceibes e a xolda estaba asegurada para nós. Hoxe, querido amigo, que voltas a casa polo Nadal, teño un agasallo para ti. Quixera camiñar contigo polo barrio, abrazados como cando éramos nenos. Pecharemos os ollos por un intre, e sen demora entraremos no museo da nosa vida.
A infancia liscou sen darnos conta, pero aínda temos gravadas, aquelas estampas fermosas que xamais esqueceremos. No alto da «Italiana» ollamos o castelo maxestoso, que inmutable, ábrenos as portas. Polas fiestras sae o cheiro a café mesturado co aroma do pan recén feito. Os lumes prendidos na rúa ao carón dos portais, manterán os corazóns quentes. O “Chinquena” montado na súa bicicleta de dous asentos, axita a nosa alma. Os barbeiros afían as navallas seguindo o toque enxebre dos latoeiros. Os bares, con ledicia levantan o telón. Chelis «o Suízo» anima as rúas coas panxoliñas, que saen dos altofalantes amarrados no teito do seu coche. A fonte detense cun manancial de xeo, formando un escenario extraordinario. Na prazoleta, espera o carro do tío Valentín, que desgastado, apura os derradeiros viaxes a Vilela. Os cabritos berran fronte o canellón da «Peteta». As Froitas e hortalizas da Ubalda locen no portón. Escudos heráldicos colgados nas fachadas resisten o golpeo do tempo.
Da taberna, sae un cantar de amor alborotado. Golosinas da Purita, cerca da Tahona, e os churros quentes da Celsiña que viaxan en cartuchos de papel. Ultramarinos do fiado e do pagado. Impoluto bacallau do Noguerol. Os Reloxos do Pegerto queren parar o tempo. Unha Botica con mil ungüentos. Plastilina de cores na imprenta do Luís. Media sola e cheiro a cola dos zapateiros ilustrados. Sardiñas frescas do Ciélaga a toque de corneta. Leiteiras de mandil escuro baixan o leite do ceo. O Cardoso, reparte xornais baixo os arcos da praza, que ten lousas cheas de historia no chan, o tempo que, árbores frondosos abrigan a “Estrela”. O mercado de abastos aínda ten unha escada ao paraíso.
Ao lonxe, escoitase un pasodobre afinado da banda municipal do Paradela, que desfila con orgullo e sentimento.
Sirve a Lola cuarteirón, selos e cigarros soltos clandestinos. Quinielas no Liló. Presume a dama de beizos roxos con xeranios no balcón, na coqueta rúa Aduana con forno e bodegón. Brotan bágoas na Travesa, dos artistas incomprendidos. Canellón da Muralla berce de carboeiros e fraguas vivas. Soportais desaparecidos por falta de dignidade. Toni Tarrío dispara o seu flash.. Comercios téxtiles e curtidos.
Os carteiros traen as postais dos fillos afastados. Atrio parroquial dos meus amores, con goles imposibles entre as árbores torcidas. Campanarios de canteiros atrevidos que protexen ao Cristo batallador. Loitan Tarzán e o zorro no cine Parroquial. Cafeteiros e merengues detrás dun cristal. Primeiros bicos entre xardíns agochados. Viste de branco o municipal. Cabalgata de reis con fachos purificados. Ilusións infantís cheas de esperanza no Vítor e no Fiscal. Noites de xuntanzas interminables!
Querido amigo, so nos falta rematar o percorrido. Abriremos o portón do patio da miña alma, e xuntos a coro cantaremos para ela… «De quen son estes palacios, feitos de palma e oliva, unhas son do rei do ceo, outros da virxe María, outros son destes señores, que por moitos anos vivan! Cicais hoxe, non abrirán as fiestras para darnos o aguinaldo, mais ficaremos coa ledicia intacta, porque tal vez, fomos agasallados cunha herdanza impagable, que non é outra que as lembranzas fermosas de cando nenos, que todas elas enchen un museo inesquecible, o museo da nosa vida.
Bon Nadal!!

Miguel A. Prieto “Chitín”