O Concello leva o Entroido aos centros escolares da cidade

O Concello levará o Entroido aos centros escolares da cidade. Ante a cancelación dos actos públicos por motivos sanitarios, entre eles a tradicional batalla de mecos dos xoves de Compadres e de Comadres, a Concellería de Educación realizará obradoiros de confección de máscaras do Entroido ourensán nos centros de ensino que solicitaron esta actividade.

Os obradoiros levaranse a cabo os días previos ás vacacións de Entroido, e van dirixidos a alumnado de 3ª curso de Educación Primaria. Participarán 400 nenos e nenas de 10 centros de ensino. Os monitores desprazaranse aos colexios para traballar só en grupo / clase ou burbulla e levarán o material necesario en bolsas individuais previamente desinfectadas para repartilas entre o alumnado participante.

Cada obradoiro ten unha duración de 90 minutos e está dividido en dúas partes, teórica e práctica. Por unha banda, a visualización dun mapa da provincia de Ourense, identificando as vilas que celebran esta festa dun xeito máis relevante, acompañado dunha explicación dos seus traxes e costumes. Pola outra, a decoración de catro máscaras de cartolina para recoñecelas: Boteiro de Viana do Bolo, Cigarrón de Verín, Peliqueiro de Laza e Pantalla de Xinzo de Limia.

O obxectivo principal desta actividade é o de contribuír á conservación das nosas tradicións dunha maneira lúdica e pedagóxica traballando distintas áreas de coñecemento como son a plástica e a pintura, a lingua galega e as ciencias sociais.