O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, cre que “esta idea vaille dar un pulo fortísimo á cidade”.

Unha nova praza ubicarase fronte á Subdelegación do Goberno

A cidade de Ourense contará cun novo e céntrico espazo para o lecer dos cidadáns: estará emprazado entre o Parque de San Lázaro -e servirá como continuación deste-, fronte á Subdelegación do Goberno. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, cre que “esta idea vaille dar un pulo fortísimo á cidade”, ao tempo que reforza a vontade do grupo de goberno de reordenar o tráfico rodado e peonalizar novas rúas.

Gonzalo Pérez Jácome anunciou que o Concello solicitará tres borradores para este proxecto a outros tantos estudos de arquitectura, “e de aí escolleremos o mellor para a cidade”, garante. Porén, a idea do rexedor inclúe unha fonte central, árbores e un deseño urbano “con grandes melloras”.

A creación desta praza obrigaría a reordenar o tráfico rodado, en principio, por tras da Subdelegación do Goberno e pola rúa de Xoán XXIII, quedando as vías da contorna de “acceso restrinxido”, como xa o son as da Concordia e a do Paseo. Isto quere dicir que a parada de taxis permanecería na rúa Parque de San Lázaro, entre a intersección coas rúas do Paseo e de Santo Domingo, onde seguirá desempeñando un importante servizo para a cidadanía.

Esta ordenación do espazo que propón o goberno municipal, afirma o rexedor, influirá na calidade de vida dos veciños e permitirá que -como xa puxera de manifesto noutras ocasións- Ourense conte cunha superficie peonil continua desde o xardín do Posío até o centro da cidade.

Esta nova praza estaría en concordancia co proxecto de soterramento da rotonda de Concepción Arenal, presentado recentemente, co obxectivo último de eliminar tráfico da superficie e darlle prioridade aos peóns.

SOURCE: Praza de San Lázaro