O alcalde reuniuse con tres asociacións veciñais da Ponte.

O Concello restaurará a locomotora do barrio da Ponte

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse con tres asociacións do barrio da Ponte -As Termas, Vía Vella e Andén Primeiro- para abordar os asuntos expostos pola veciñanza o pasado Nadal nunha caixa de correo dos desexos instalada na vella máquina do tren, entre eles, a propia restauración da locomotora. As asociacións denuncian que, logo de máis de 20 anos sen coidados, a máquina atópase “nun estado lamentábel de conservación, con signos visíbeis de oxidación e deterioro”, e solicitan “elementos de sinalización que lle dean o recoñecemento e valor que ten”.
Fernando Moure, presidente da Asociación Andén Primeiro, amosou a súa satisfacción polos compromisos acadados, e sobre todo pola temporalización precisa das obras e actuacións a realizar, pois algunhas das súas demandas “estarán realizadas para o mes de xuño” deste mesmo ano.

O alcalde comprometeuse con estes colectivos, non só á reparación da máquina do tren, medida que consideran ambas partes prioritaria, senón tamén á actuación e reparación de beirarrúas, parques e xardíns, contedores, así como a pronta adxudicación da Praza de Abastos de A Ponte.
O Concello de Ourense xa ten avanzado no traballo de pintado da locomotora e conta cun informe da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia (FECEGA) e do Museo do Ferrocarril de Galicia (MFERGA) con orientacións para o repintado da máquina situada na praza da Estación.

A locomotora é unha tipo “Mastodonte” de rodaxe 240, fabricada en Bélxica en 1927 pola Société Anonyme la Métallurgique Ateliers de Tubize para o ferrocarril Central de Aragón, encargada pola necesidade de máquinas de maior potencia e velocidade para mellorar servizos. Tan só se fabricaron 4 locomotoras como esta, das que se conservan dúas, a 72, que permanece en pedestal na praza da estación ourensá, e a 74, preservada no Museo do Ferrocarril de Cataluña, en Vilanova.

A circunstancia da preservación destas locomotoras a finais dos anos 60 no depósito de Tarragona foi máis providencial que cultural e estivo relacionado coa rodaxe de varias películas durante eses anos.
No seu orixe, a locomotora que preside o barrio da Ponte, desenvolvía unha potencia de 1350 CV. En costas de ate 25 cm. por Km chegaba a alcanzar os 50 Km/hora.
O peso da locomotora exposta no barrio pontino é de 125.4 toneladas, repartidas entre as 78 TM da locomotora propiamente dita e o tender, de 47.4 Tm.
En canto a restauración da máquina de vapor ourensá, e ao tratarse dunha locomotora en pedestal, á intemperie, máis que ser escrupulosos coa decoración orixinal, recomenda o informe de FECEGA e MFERGA debe prevalecer o obxectivo de preservala, cun mantemento mínimo.

A cor usada tradicionalmente nestas locomotoras de vapor é o negro, que será usada como cor base, ao ser a cor que mellor resiste as altas temperaturas, amais de ser, por aquel entonces, a de menor custe económico. Tamén se utilizan cores de contraste en diversos elementos da máquina, si ven a que se recomenda usar para a de Ourense é o vermello que se usará, por exemplo, nos radios das rodas.
Noutros elementos da máquina o que se recomenda é simplemente pulilos, para resaltar a cor do metal, ben no conxunto de elementos de rodaxe e bielas, vernizándoas, así como resaltar as pezas de bronce cun pintado na mesma cor.

SOURCE: Restauración locomotora da Ponte